Xosé Lois Otero, biólogo: «A lagoa de Lucenza pode conter pegadas ambientais da minería romana»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Xosé Lois Otero es profesor de edafología y química agrícola en la USC
Xosé Lois Otero é profesor de edafología e química agrícola na USC CEDIDA

O director da Estación Científica do Courel coordinará este ano unha investigación nunha soada paraxe da serra

06 ene 2023 . Actualizado ás 11:22 h.

Profesor de edafología e química agrícola, Xosé Lois Otero Pérez (Vigo, 1966) é coordinador das estacións científicas da Universidade de Santiago, entre as que figura a de Seoane do Courel. Este ano dirixirá un proxecto sobre a lagoa glaciar de Lucenza —no municipio de Quiroga — que se encadra nun plan de investigación científica promovido polo geoparque Montañas do Courel que conta co apoio económico da Deputación lucense. No proxecto participan ademais o xeógrafo Augusto Pérez Alberti e o biólogo Rafael Carballeira.

—Cal é o obxectivo deste proxecto?

—Este estudo forma parte dunha investigación que ten por obxectivo caracterizar os chans de diferentes partes da serra do Courel. No caso de Lucenza, o que pretendemos é obter datos sobre a evolución ambiental e climática analizando os sedimentos acumulados no fondo da lagoa durante miles de anos. Este material é unha especie de arquivo no que quedaron rexistradas as transformacións ambientais da serra. Noutra investigación que fixemos con anterioridade puidemos ver que neste depósito de sedimentos, a uns trinta centímetros de profundidade, hai unha capa de entre de entre dez e quince centímetros de espesor formada por restos de ramas e follas. Isto indica que en certo momento houbo un cambio ambiental moi brusco, que puido ser de orixe climática ou humano. Interésanos especialmente estudar estas descontinuidades nos sedimentos, que son un sinal de importantes cambios ambientais.

—Outras investigadores tamén traballaron anteriormente sobre estes sedimentos.

—Si, pero a investigación que imos realizar abarca máis aspectos e farase cunha tecnoloxía máis moderna. O proxecto comprenderá análises químicas dos sedimentos, análises de poles e diatomeas [algas microscópicas] e dataciones por carbono 14. Con esta investigación agardamos detectar e datar as transformacións que se produciron ao longo dos séculos no medio ambiente pola acción humana ou ben por causas naturais, como os cambios climáticos. Os poles que se foron depositando no fondo da lagoa pódennos indicar que tipo de vexetación predominou na serra en diferentes épocas.

—A que antigüidade poderanse remontar os datos que obteñan nestas análises?

—Creo que poderemos obter como moito datos de entre 5.000 e 8.000 anos de antigüidade. É posible que consigamos información sobre os cambios ambientais que se produciron na serra por mor da minería romana. Estas actividades produciron unha deforestación importante, xa que requiriron moita madeira para facer lumes e para outros usos, e é probable que eses cambios na vexetación deixasen pegadas nos sedimentos da lagoa. Tamén é posible que detectemos os cambios ambientais que provocaron as ferrerías que funcionaron na serra entre os séculos XVI e XIX. Nas fundiciones de ferro consumiuse moitísima madeira como combustible, polo que nesa época tamén houbo un índice elevado de deforestación. A investigación tamén nos pode proporcionar datos de carácter climático sobre a chamada Pequena Idade de Xeo, un período de clima frío que se produciu entre os séculos XIV e XIX.

—Estas análises poden detectar tamén pegadas dos incendios?

—Si, nas análises poden aparecer capas de cinzas xeradas por antigas queimas. Tamén é posible rastrexar pegadas de incendios nos cambios de vexetación. Se vemos que en certa época predominaron os carballos e un tempo despois predominaron os arbustos, iso indica un cambio ambiental brusco que probablemente se debeu aos incendios do pasado.

Un antigo depósito de sedimentos que chega polo menos aos cinco metros de profundidade

Xosé Lois Otero apunta que a investigación que dirixirá este ano será a máis completa que teña realizado ata agora na lagoa de Lucenza, que ten a súa orixe nos glaciares que existiron na serra durante a última era glacial.

—Sábese canta profundidade teñen os sedimentos?

—Iso depende seguramente do lugar onde se fagan as sondaxes, aínda que a extensión da lagoa é moi pequena. Os autores dun estudo que se publicou no 2002 chegaron a preto de cinco metros de profundidade. Esta investigación centrouse nas diatomeas, que son moi sensibles aos cambios que se producen nas augas por influencia dos cambios ambientais. Nós tamén abordaremos este aspecto e intentaremos determinar coa maior precisión posible a profundidade deste depósito

—A lagoa ten que estar seca para realizar estas investigacións?

—Noutros lagoas que teñen auga durante todo o ano tamén realizaron estudos deste tipo, pero con máis dificultades. A de Lucenza adoita quedar sen auga nas épocas máis secas do ano, o que nos facilitará moito o traballo.