Só Monforte segue por baixo do 90% de vacinados

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Una enfermera del centro de salud de Monforte muestra una jeringuilla con la vacuna contra el covid-19 preparada en los primeros días de la vacunación masiva contra esta enfermedad
Unha enfermeira do centro de saúde de Monforte mostra unha xiringa coa vacina contra o covid-19 preparada nos primeiros días da vacinación masiva contra esta enfermidade CARLOS CORTÉS

Todos os demais municipios do sur de Lugo superan xa esta porcentaxe, grazas ao goteo diario dos atrasados

28 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Centos de residentes no distrito sanitario de Monforte  pasaron o venres e o sábado polo centro de vacinación para completar a súa pauta despois de ter recibido no seu momento a fórmula de Janssen, a única das que se poñen en Europa que en principio requiría unha soa dose. Mentres avanza a repartición das doses de reforzo a medida que as autoridades sanitarias as van recomendando, a porcentaxe de vacinados tamén segue reforzándose, aínda que a contagotas. Se fai dez días quedaban no sur de Lugo dous municipios con menos do 90% de vacinados, nestes momentos xa só hai un: Monforte.

A vacinación por franxas de idade rematou a finais do verán e desde entón os que foron citados no seu momento e non acudiron a recibir a picada poden facelo en calquera momento sen cita previa. Non son moitos os que recorren a esta posibilidade, pero hainos e van facendo subir a porcentaxe de persoas protexidas. Nos últimos dez días, esa porcentaxe hase incrementado en todos os municipios do sur da provincia.

Trátase en todos os casos se subidas moi pequenas, pero que fixeron que A Pobra do Brollón se some ao grupo dos que teñen vacinada polo menos ao 90% da súa poboación maior de 12 anos. Se o 17 de novembro estaba vacinada neste municipio o 88,72% da súa poboación diana, dez días despois son o 90,88%.

O que non cambiou é que O Incio segue sendo o municipio desta zona que ten máis veciños vacinados. Se fai dez días estábano o 96,54%, agora son o 96,54%.

E tamén seguen igual as cousas na cola da lista. Monforte segue sendo o que presenta unha porcentaxe menor. Fai dez días, puxéronse a vacina o 87,94 dos monfortinos en idade de facelo e agora son o 89,87%. De seguir este ritmo, tamén Monforte superará o 90% nuns días.

En canto ás doses de reforzo, a semana que vén aínda continuará en Monforte a aplicación da terceira dose aos maiores de 70.

CARLOS CORTÉS

Cristina López, enfermeira: «Hai maiores que din que non se vacinaron porque non saen da casa»

Cristina López é unha das enfermeiras do centro de vacinación de Monforte.

—Reciben a moita xente que antes non se vacinou e quere vacinarse agora?

—Algúns veñen, pero son poucos.

—E son xente nova, maiores?

—Hainos novos e maiores, pero as súas motivacións son diferentes.

—E iso?

—Os novos que non se vacinaron no seu momento veñen por presión social, por medo a non poder facer cousas como viaxar. Hai uns días veu unha rapaza que é británica pero vive aquí e quería viaxar ao seu país de orixe. Sen a vacina non podía. En cambio, o habitual entre os máis maiores, que tamén están vindo algúns, é que nos digan que se non viñeron cando lles tocaba foi non lles parecía que lles fixese falta porque en realidade nunca saen da casa.