«A gran gripe de 1918 levou no Saviñao a 127 persoas»

f. a. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Cedida

Bugarín dará mañá en Escairón unha conferencia sobre a histórica epidemia de hai un século

09 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Natural de Tui, o médico Rosendo Bugarín González incorporouse hai dúas semanas ao persoal do centro de saúde de Monforte. Recentemente publicou un estudo histórico sobre o efecto da gran epidemia de gripe de 1918 no seu municipio natal. Mañá dará unha conferencia no Círculo Saviñao de Escairón -ás 20.00 horas- na que falará sobre esta pandemia da que agora se cumpre un século e especialmente sobre o impacto que tivo en Galicia e neste muncipio.

-A gripe de 1918 notouse moito no Saviñao?

-Tivo unhas consecuencias moi graves. Segundo os datos que obtiven nos arquivos locais, neste municipio morreron en total 127 persoas. É case o dobre de baixas que en Tui, onde houbo 69 mortes. Hai que lembrar que entón O Saviñao tiña uns 12.000 veciños, é dicir, case tantos como os de Lugo na mesma época. Hoxe son só unha terceira parte dos que había fai un século. Segundo os cálculos que fixen, probablemente enfermou ao redor dun 20% da poboación do municipio e a taxa de mortalidade entre os afectados puido ser dun 6%. Entre os mortos que houbo entre 1917 e 1918, sobre todo neste último ano, a gripo levou a preto dun 1% da poboación.

-A epidemia presentou algunha singularidade neste municipio?

-Un detalle que chama a atención é que a inmensa maioría dos adultos falecidos no Saviñao eran labradores, con só unas poucas excepcións, como o cabo comandante da Garda Civil e algunhas amas de casa. En Tui a epidemia estivo máis repartida entre outras profesións, como os militares ou o clero, entre outros sectores. Seguramente é porque O Saviñao era entón un municipio fundamentalmente rural e a de labrador era a ocupación máis común.

-Houbo moitas diferenzas en canto a idades entre os afectados?

-Si, porque aquela epidemia afectou sobre todo á xente nova, non só aquí senón en todos os países polos que se propagou. É un feito moi singular, porque as epidemias de gripe atacan principalmente á xente máis maior e aos nenos moi pequenos, é dicir, aos que teñen as defensas inmunológicas máis débiles. Pero a gripe 1918 afectou sobre todo á xente nova. Chamárona a gripe dos cuarteis, porque causou moita mortalidade entre os soldados. No Saviñao ocorreu máis ou menos o mesmo que noutras partes. O 30% dos falecidos eran persoas de entre 20 e 40 anos de idade, e o 36% eran menores de 14 anos.

-Sábese por que non afectou máis á xente maior?

-Non se atopou unha explicación satisfactoria, pero crese que moito dos maiores poderían ter quedado máis ou menos inmunizados noutras ondas de gripe que houbo antes daquela.

«A prensa local pode dar moitos datos»

Tras o seu traballo sobre a epidemia de 1918 en Tui, que lle levou uns oito anos de labor, Bugarín investiga agora outras partes de Galicia que están menos estudadas, como é o caso do sur lucense.

-Estudou tamén a incidencia da gripe noutros municipios da comarca?

-Estiven a buscar documentación sobre Monforte, pero por agora non atopei moita. Agardo poder facelo deica pouco en colaboración co investigador da historia local Felipe Aira. Para estas investigacións é moi útil atopar noticias na prensa da época, ademais das informacións que se poden extraer dos arquivos municipais e o rexistro civil. En Tui había entón un xornal local no que conseguín moitos datos de interese. Estiven a buscar nas hemerotecas, entre elas a de La Voz, pero por agora non atopei moitas cousas sobre a provincia de Lugo. Nas coleccións de antigos pequenos periódicos locais talvez se poden achar máis informacións.

-Hai moitos estudos sobre a epidemia en Galicia?

-Actualmente están aparecendo moitos traballos debido a que se cumpre o centenario da epidemia, que por certo foi especialmente forte no outono de 1918, sobre todo entre outubro e novembro. Antes e despois houbo outras ondas que non foron tan mortíferas. Un dos mellores estudos céntrase en Vigo, titúlase E ou outono tinguiuse de loito e foi publicado por Xoán Carlos Abad Galego. É unha obra magna neste terreo. Tamén se realizaron estudos de moito interese en lugares como Santiago, A Coruña, Ourense, Betanzos ou Pontedeume.