«O noso aceite pode aspirar a unha denominación de orixe»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

FRANCISCO ALBO

Espinosa preside unha asociación dedicada a fomentar unha oleicultura galega de alta calidade

15 ago 2018 . Actualizado ás 16:31 h.

José Espinosa Sánchez dará unha charla sobra a olivicultura da comarca de Quiroga - o sábado ás 19.00 horas- con ocasión da sétima Festa do Ouro da localidade de Margaride de Lor. Biólogo de formación, Espinosa traballa como profesor no instituto quirogués e preside a Asociación de Amigos dos Aceites de Quiroga e Gallaecia, fundada o ano pasado.

-Quen forma esta asociación e que obxectivos persegue?

-Creámola un grupo de persoas de Quiroga, Ourense, A Coruña e Ponferrada despois dun curso de cata de aceites que se impartiu nesta última localidade. O nome da asociación alude á provincia romana de Gallaecia, que abarcaba tamén gran parte da actual Castela e León e o norte de Portugal. O principal obxectivo é crear un corpo de opinión propio sobre os aceites de Quiroga e Galicia en xeral, e axudar a fomentar unha produción de alta calidade.

-Que actividades levan a cabo?

-Organizamos actividades de divulgación e formación en torno ao aceite e a olivicultura, como uns cursos de cata de aceites -aínda que prefiro dicir de análise sensorial- que se impartiron en Monforte e Quiroga. Tamén impartimos dous cursos da Uned na Rúa e agora planeamos un curso de poda de oliveiras en Quiroga, onde ata agora non houbo ningún. Ademais, colaboramos coa Mostra do Aceite de Quiroga.

-Que características poden distinguir aos aceites da comarca de Quiroga nunha cata?

-En todos eles se distingue un aroma característico de rama de tomate e un contido medio de sustancias picantes que lles dá un gusto moi recoñecible. Estes caracteres derívanse das condicións bioclimáticas deste territorio e compártenos non só as olivas de variedades locais, senón tamén as doutros tipos que están aclimatadas aquí. Por exemplo, as olivas arbequinas que se cultivan en Lérida dan uns aceites moi doces. As que se cultivan en Navarra son máis picantes e as de Montefurado teñen máis picante que as dous anteriores.

-Cre que será difícil conseguir unha indicación xeográfica protexida para o aceite galego?

-Na miña opinión, os nosos aceites poden aspirar mesmo a ter a súa propia denominación de orixe. Unha indicación xeográfica protexida pode ser un primeiro paso importante, pero pódese conseguir máis. Isto depende de que se chegue a contar cun rexistro de oliveirais en cantidade suficiente para asegurar a produción e para xustificar estas figuras de protección. A comarca de Quiroga é o único territorio galego onde a antiga tradición olivarera mantívose viva de forma continuada ata hoxe, pero agora tamén se están plantando oliveiras en lugares como Valdeorras, O Saviñao, Chantada, Lalín, Monterrei ou Vilagarcía.

-Con canta superficie cultivada sería necesario contar para ter unha denominación?

-Creo que sería suficiente con engadir a metade á que existe actualmente. En toda Galicia calculo que hai agora unhas duascentas hectáreas dedicadas a oliveirais, das que a maioría están sen declarar. Na comarca de Quiroga hai ao redor de catorce, pero agardo que aumente no futuro.

-Por que hai cultivos sen declarar?

-Por unha banda, porque no catastro galego non existe a categoría específica de oliveirais, e doutra banda, debido a certa desconfianza crónica que hai en Galicia... Pero neste aspecto estase avanzando, porque en Quiroga se creou hai uns días un rexistro de oliveirais impulsado polas axencias comarcais de extensión agraria.