Edurne Pasabán: «A Ribeira Sacra impacta tanto como o Tirol»

luís conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

A alpinista que ascendeu os catorce ochomiles pasou pola zona na súa peregrinaxe a Santiago en bicicleta

08 jul 2018 . Actualizado ás 11:09 h.

Non todos os días pasa pola Ribeira Sacra unha deportista da talla de Edurne Pasabán. A alpinista vasca, que foi a primeira muller na historia en ascender aos 14 ochomiles do planeta, gozou onte das paisaxes da comarca como compoñente dun equipo que participa na segunda edición da Gaes Pilgrim Race, o «Camiño de Santiago en bicicleta». En total, os 170 corredores, entre os que está a alpinista vasca, percorren 600 quilómetros entre Madrid e a capital de Galicia, á que chegarán mañá.

Nesta edición, a Gaes Pilgrim Race colabora cun programa do Consello Superior de Deportes denominado «Universo Muller», que divulga o deporte feminino a través de eventos destas características.

Edurne quedou gratamente impresionada do seu paso pola Ribeira Sacra, para a que só tivo eloxios. «A Ribeira Sacra impacta tanto como o Tirol. Non tedes nada que envexarlle a aquelas paisaxes e viñedos», sinalou a alpinista.

O paso da comitiva de corredores provocou expectación, e foron moitos os veciños das aldeas que saíron a saudar aos corredores. «quedo coa calor e a hospitalidade da xente da zona. Unha señora recibiunos e invitounos a pasar á súa casa», comentou.

A alpinista, acostumada escalar ladeiras de envergadura, quedou sorprendida da dureza do circuíto polas ribeiras de Chantada. «É durillo o itinerario, pero isto faino espectacular. ¡Vaia paisaxe, tedes aquí!», engadiu.

Edurne Pasabán admitiu que non se imaxinaba que a Galicia interior gozase destas potencialidades naturais.

O concelleiro de Deportes de Chantada, Diego Otero, actuou de anfitrión

Edurne Pasabán completou a súa xesta en nove anos. A súa primeira ascensión a un ochomil foi no Everest o 23 de maio de 2001 e a última do Shisha Pangma o 17 de maio de 2010. Un home feliz era o concelleiro de Deportes de Chantada, Diego Otero, que cualificou de moi positiva a presenza dunha alpinista da categoría de Pasabán na zona. «É espectacular, porque nos axuda a promocionar a Ribeira Sacra», comentou Otero.

A alpinista valorou positivamente esta iniciativa de facer o Camiño de Santiago en bicicleta. «Isto é moi interesante, porque grazas a iniciativas destas características somos moita xente a que podemos coñecer estes lugares», concluíu.

Do mesmo xeito que o resto de compañeiros da carreira, Edurne Pasabán descansou no campamento do Sangoñedo para afrontar hoxe a última etapa que os levará a Santiago.