Plans para exhibir réplicas do conxunto de arte rupestre

La Voz

LEMOS

07 dic 2014 . Actualizado á 05:00 h.

A proposta que remitiron á Consellería de Cultura os responsables do proxecto arqueolóxico «Ocupacións humanas durante o Pleistoceno da conca media do Miño», no que se encadran as escavacións de Cova Eirós, expón a posibilidade de construír unha réplica das pinturas rupestres que encerra a cavidade, as únicas mostras de arte parietal paleolítica que se coñecen en Galicia. O catedrático Ramón Fábregas, director do proxecto, sinala que esta idea está en consonancia coa intención de crear un museo ou un centro de interpretación vinculado ao xacemento arqueolóxico, expresada en reiteradas ocasións polo goberno local de Triacastela.

Unha instalación deste tipo é a única posibilidade que hai de mostrar ao público o conxunto de arte parietal da cova. Por unha banda, o precario estado de conservación das pinturas obrigou a limitar o mínimo as visitas á galería onde se atopan, na que só poden entrar arqueólogos e outros investigadores. «Pero aínda que as pinturas estivesen en bo estado, as visitas a ese sitio serían tamén moi difíciles», sinala Fábregas. A parte da cova que alberga os debuxos e gravado está separada da galería principal por un túnel moi baixo e estreito que obriga a gatear ao longo dun treito de preto de vinte metros.

As partes máis notables

Os arqueólogos cren que o máis aconsellable sería crear unhas réplicas dos paneis de pinturas e incisiones máis notables para mostralos no futuro centro de interpretación. Segundo indica Fábregas, reproducir a totalidade da sala -como se fixo noutros lugares- non tería sentido porque resultaría demasiado custoso e porque «o conxunto de Cova Eirós non é algo comparable á gran sala de Altamira, senón unha cousa moito máis modesta, aínda que ten unha grande importancia arqueolóxica e por agora é algo único en Galicia»

Doutra banda, os investigadores pensan que Triacastela é un lugar adecuado para unha instalación museística deste tipo pola súa proximidade á cova -situada a nove quilómetros- e por ser un lugar que recibe moitas visitas turísticas ao estar situado en pleno Camino de Santiago.