Os osos cavernarios de Cova Eirós tiñan familiares en Francia

Francisco Albo
francisco albelo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Un vínculo xenético úneos cos da soada cova de Chauvet

04 oct 2014 . Actualizado á 05:00 h.

As investigacións sobre a fauna prehistórica das serras lucenses que leva a cabo o Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña puxeron de relevo unha peculiar relación entre o xacemento de Cova Eirós -en Triacastela- e a gruta de Chauvet -no departamento de Ardèche, en Francia?, un dos sitios paleolíticos máis importantes de Europa, que foi popularizado pola película A cova dos soños esquecidos. As análises de ADN probaron que os osos das cavernas que se refuxiaron en Cova Eirós en determinados períodos do Pleistocenou pertencían á mesma liñaxe xenética que os que viviron en Chauvet nesas épocas.

A paleontóloga Aurora Grandal, do instituto xeolóxico coruñés, sinala que este parentesco xenético detectouse en fósiles de Cova Eirós cunha antigüidade de entre 28.000 e 31.000 anos e outros de similar cronoloxía que foron atopados na gruta francesa. «Os osos de Chauvet son os parentes máis próximos que se coñecen dos de Cova Eirós -explica- e teñen moita máis similitude xenética con eles que con outros osos que viviron en Galicia en épocas anteriores». Isto é o que sucede cos fósiles achados en covas das montañas do Cebreiro e Courel -como as de Liñares e Ceza- fai entre 38.000 e 48.000 anos, que non están relacionados cos de Cova Eirós.

Esta similitude xenética entre poboacións de osos cavernarios que viviron en zonas xeográficas tan afastadas, sinala por outra banda a palentóloga, engade un dato de grande interese para o estudo da evolución da fauna, o clima e as condicións ambientais das serras orientais galegas na prehistoria.

Escaseza de mostras

Por agora, con todo, non é posible profundar moito neste estudo comparativo, xa que na cova francesa só se puideron estudar unhas poucas mostras de fósiles. «En Chauvet hai moitos restos de osos, pero o acceso a esa cova está tan restrinxido que de momento os investigadores só puideron obter unha cantidade moi pequena», apunta Aurora Grandal.