A cifra de nenos mortos por desnutrición elévase a cen desde o inicio da ofensiva israelí enGaza
INTERNACIONAL

Son case a metade das vítimas mortais pola fame negra nestes case dous anos
10 ago 2025 . Actualizado á 14:00 h.A cifra de nenos mortos en Gaza por causas relacionadas coa desnutrición ou a fame desde o inicio da ofensiva israelí elevouse este domingo a 100, segundo o último reconto publicado polo Ministerio de Sanidade do enclave palestino, que recolle EFE.
Isto supón que case a metade do total de mortos por desnutrición, que son xa 210, foron menores nestes case dous anos de ofensiva israelí contra Gaza.
Os hospitais da Franxa rexistraron onte, sábado, cinco falecidos por inanición, entre eles dous nenos, de acordo co comunicado de Sanidade. Durante o mes de xullo, as mortes en Gaza por falta de alimento disparáronse despois de meses de bloqueo á entrada de axuda humanitaria por parte de Israel, que controla todos os accesos ao territorio.
Entre o 2 de marzo e o 19 de maio o bloqueo foi total, mentres que o fluxo de axuda é agora moi limitado e insuficiente, denuncian as organizacións humanitarias.
Israel dixo este domingo que na última semana —do 3 ao 9 de agosto— 1.900 camións de axuda humanitaria «foron recolleitos e distribuídos» en Gaza, o que supón unha media de 270 camións diarios fronte aos 600 necesarios —segundo as organizacións humanitarias— para cubrir as necesidades dos gazatíes.