O pontevedrés repatriado desde Irán: «Fun detido e interrogado horas por gravar un vídeo»

INTERNACIONAL

Foni Díaz

As xestións do deputado nacionalista Néstor Rego co Ministerio de Asuntos Exteriores facilitaron a súa liberación

21 jun 2025 . Actualizado á 22:10 h.

Foni Díaz, viaxeiro empedernido, o pontevedrés que quedou atrapado en Irán tras sorprenderlle o ataque de Israel facendo turismo no país, pode contar agora que estivo detido. «Pasei moito medo. Fun detido, trasladado a un centro policial como un trofeo e interrogado horas por gravar un vídeo». Non era a primeira vez que tomaba imaxes en Irán, pero si despois de que empezasen os bombardeos e fose confinado nun hotel en solitario. Non o contara ata o de agora por recomendación do persoal diplomático que o asistiu para culminar a súa repatriación con éxito.

Todo sucedeu nun zoco case deserto. «Detívome un home novo, que me levou a un centro policial e non facía mais que berrar: ‘Israel, Israel', mentres me ensinaba aos que debían ser os seus superiores». Logo chegaron horas de interrogatorio no que Foni Díaz non se podía imaxinar que «acabaría falando galego portugués co meu interrogador». Así foi. O axente que o someteu a un arduo interrogatorio estivera destinado no Brasil e, grazas ao idioma en común, puidéronse ir limando as cousas. Polo idioma e por outra casualidade que Foni celebra. «Chamoume nese momento Nestor Rego (diputado del BNG en el Congreso), co que eu estaba en contacto. Dixéronme que puxera o altavoz e que falara en inglés, que non o fala nin el nin eu, pero acertei a dicirlle que estaba preso». As xestións do deputado nacionalista co Ministerio de Asuntos Exteriores facilitaron a súa liberación e a súa longa repatriación posterior a España.

Este sábado atendía a La Voz desde Madrid antes de emprender este domingo viaxe ata Pontevedra aínda co susto no corpo. Durante a súa detención non deixaba de pensar no español Santiago Sánchez Cogedor, detido e encarcerado en outubro do 2022 en Irán tras visitar a tumba de Mahsa Amini, o mozo kurdo morta baixo custodia tras ser arrestada por levar mal o veo. Cogedor non foi liberado ata máis dun ano despois, tras arduas xestións diplomáticas por parte de España. «Paseino mal», recoñece agora Díaz.

A volta a casa arrincou ás cinco da mañá nun taxi que o levou do hotel, no que era xa o único hóspede, ata a delegación diplomática en Irán. Desde alí, unha viaxe de 16 horas en tres autobuses, onde se repartiron os 44 evacuados, ata a fronteira con Armenia. Alí, transbordo ata outro autobús e outras 8 horas de traxecto para chegar a Ereván, a capital. O avión militar que os tería que levar a casa aínda tardaría outras sete horas en chegar, porque estaba a deixar axuda no Líbano. Unha vez a bordo, entre material de axuda, colectores e a tripulación, os repatriados pasaron outras dez horas de voo ata Torrexón de Ardoz, en Madrid. «Os militares eran moi bos rapaces, tratáronnos moi ben», comenta.

Non sabe aínda cal será o seu próximo destino e destaca que para falar dos países e as culturas hai que coñecelas sobre o terreo. Agora coñece Irán antes e despois da guerra, como turista e como detido. E non abdica das súas conviccións: «Eu condeno o que está a facer Israel. E creo en Palestina», conclúe.