Galegos no Reino Unido: «Estamos preocupados polo caos e a desinformación»

La Voz REDACCIÓN

INTERNACIONAL

Os galegos do Reino Unido agardan o mellor acordo posible

15 novs 2018 . Actualizado ás 10:24 h.

«Aquí é un tema de conversa recorrente. Cos compañeiros de traballo, no café, cos amigos... Calquera noticia que sae é comentada de inmediato por todos. Ninguén di nada e os rumores son constantes». Así explica Mariña Abella, unha moza de Malpica que reside en Londres e traballa nunha empresa dedicada ao comercio internacional, a incerteza que se instalou na nutrida colonia galega ante o proceso do brexit e as súas idas e vindas políticas.

Mariña oíu de todo: que ían a deportar aos estranxeiros, que lles ían esixir un visado especial e unha infinidade de cousas máis. «O único certo é que estamos moi preocupados polo caos e a desinformación que hai sobre o caso. Eu dígolles aos meus amigos e coñecidos que non fagan moito caso, que xa nolo irán contando. É a primeira vez que isto ocorre e case seguro que nin eles mesmos saben cara a onde imos», relata.

A intranquilidade que preside os últimos meses da colonia galega non se reduce ao plano persoal. Mariña Abella admite que afecta xa de forma clara ao mundo laboral. «Non só á miña empresa, que se dedica ao comercio internacional e ten a súa base principal en Asia. Todas as compañías viven sen saber o que vai pasar, e iso é malo para todos», insiste. 

Desde Birmingham

Almudena León é orixinaria de Ourense, está casada cun británico, ten mellizos e vive en Birmingham, no centro da illa. Tampouco oculta o seu enfado coa posibilidade dun brexit polas malas. «Eu creo que xa se están notando as consecuencias, e para mal. A cesta da compra xa subiu moitísimo. Sobre todo froitas, verduras e produtos que veñen de Europa. A min, persoalmente, preocúpame tamén que suban os prezos dos voos. E tamén o feito de que, como estou casada cun inglés, os meus mellizos teñen só a nacionalidade británica e eu son española. Aínda que [Theresa] May asegurou que iso non nos afectará aos que levamos moito tempo aquí, no meu caso, 20 anos, teño dúbidas», afirma.

«Tamén teño amigas que traballan para grandes firmas internacionais que tiveron baixada de soldo porque as súas compañas xa non poden competir coas empresas europeas, supoño que polos aranceis. A miña esperanza é que convoquen un segundo referendo», engade a ourensá.

A ribeirense Tania Blanco leva máis dun ano traballando en Londres e asegura que, polo momento, está tranquila «porque aínda non se sabe moi ben o que vai suceder». «Polo que me di a xente aquí, por agora todo é moi incerto», engade.

*Información realizada con achegas de Ana Gerpe, Cándida Andaluz e Santi G. Rial.