Trump fíxose pasar por outra persoa para que o incluísen na lista dos máis ricos de «Forbes»

La Voz

INTERNACIONAL

Carlos Barria | reuters

Un xornalista divulga as gravacións nas que o actual presidente de EE. UU. dixo ser John Barron e inflou o valor da súa riqueza para entrar na listaxe en 1984

22 abr 2018 . Actualizado ás 19:48 h.

«Trump mentiume acerca da súa riqueza para entrar en Forbes 400. Aquí están as cintas». Con este titular empeza o seu relato o xornalista Jonathan Greenblatt, que traballaba nos anos oitenta na revista financeira, que en 1982 comezou a confeccionar a soada lista dos máis ricos. Nunha reportaxe publicada en The Washington Post , Greenblatt relata que, mentres moitos homes poderosos daquela época trataban de evitar que o seu nome aparecese no lista, quen agora dirixe os destinos dos Estados Unidos estaba obsesionado por facerse un oco entre as grandes fortunas mundiais e para iso non tivo inconveniente en mentir acerca do seu patrimonio nin tampouco en facerse pasar por outra persoa: John Barron.

Greenblatt relata que contactou con Donald Trump  cando Forbes estaba a elaborar o primeiro ránking e o magnate «fixo todo o posible» para convencelo de que era o «desenvolvedor de bens raíces máis ricos de Nova York». Para facelo non dubidou en desinflar a fortuna do seu propio pai, Fred Trump, que era  coñecido por ter construído a maior parte das vivendas que a Organización Trump tiña antes de que o hoxe presidente dos Estados Unidos pasase a formar parte da compaña. «Así que me sorprendeu cando Donald afirmou que el, e non o seu pai, posuía o 80 % dos 23.000 apartamentos que dixeron que tiñan en Brooklyn, Queens e Staten Island», desvelou Greenblatt, entón un xornalista veinteañero, a quen Trump tratou de facer ver en máis dunha ocasión que a información que lle estaba dando acerca da súa fortuna era certa. O xornalista pediu entón probas documentais, pero o avogado de Trump non llas facilitou.

Ante a pouca eficacia desta estratexia, Trump decidiu entón pasar ao plan B. Se Donald non era o suficientemente convincente, talvez o fose John. «Ao ano seguinte recibín dúas chamadas de John Barron, o executivo ficticio de Trump, que me dixo que Donald tomara posesión de máis do 90 % de Fred. Tamén suxeriu que Trump estaba a piques de obter unha ganancia de 50 millóns de dólares cada ano polo seu primeiro casino en Atlantic City (...) e así, en 1984, aumentamos a estimación neta de Donald a 400 millóns millóns e deixamos a Fred, en 200 millóns de dólares», desvelou o experiodista de Forbes .

Nas cintas que agora difundiu Greenblatt pode apreciarse que o tal Barron non era outro que Trump tratando de disimular a súa voz e non o seu vicepresidente de finanzas, como se identificou entón. Segundo o xornalista, nun proceso xudicial de 1990, o magnate neoiorquino admitiu ter usado nomes falsos en conversacións telefónicas, pero no 2016, cando The Washington Post revelou este caso Trump negouno. 

A conversación que o xornalista de Forbes  mantivo co falso Barron quedou protexida ata agora polo compromiso de Greenblatt  de que permanecería en segredo, pero o reporteiro considera que as mentiras que Trump utilizou para enganalo libérano dun pacto que el asumiu de boa fe.