O premio a unha fundación galega que fixo chorar a Eva González en «MasterChef»

J.P.

INFORMACIÓN

RTVE

A actriz María Castro, unha das concursantes do programa, doou 4.000 euros á Fundación Andrea de Santiago

15 oct 2018 . Actualizado ás 13:20 h.

A actriz galega, María Castro, é un das concursantes do programa MasterChef Celebrity. No último programa, emitido onte á noite, proclamouse como a mellor nunha proba por equipos. O premio? Catro mil euros para doar a unha oenegué. María Castro elixiu unha galega, a Fundación Andrea de Santiago

Ao contar a que se dedicaba esa oenegué a propia actriz non puido conter as bágoas: «é que son nai», aseguraba emocionada. Ela non foi a única á que lle custou manter o pranto. Outra nai, a presentadora Eva González, tampouco puido ocultalo.

A Fundación Andrea (http://www.fundacionandrea.info) ten como finalidade básica a atención e o apoio económico, moral, informativo ou de calquera outra natureza, ás familias que, contando con escasos recursos económicos haxan de coidar aos seus fillos nas enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, que estes poidan padecer, facilitándolles solucións e axudas áxiles ante situacións de carencias inmediatas.

Un proxecto liderado polos pais de Andrea, unha nena que morreu aos oito anos tras unha dura pelexa. Naceu con unha parálise cerebral tetrapléxica-espástica en abril do ano 95 e morreu nese mesmo mes de 2003. «Nós tivemos ao noso favor o feito de dispor dunha situación económica o suficientemente desafogada como para poder ir sorteando dun modo máis levadío algunhas das dificultades que cos anos foron aparecendo para Andrea (epilepsia, problemas de deglución, atrofia muscular, intervencións, dependencia de equipamentos, dependencia de terapias para o seu mantemento vital…)», contan os seus pais.