Multitudinario décimo aniversario da peña Lenda Celeste Damián Rodríguez 

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

Máis de 500 persoas acudiron a unha celebración á que asistiron o futbolista ponteareán do primeiro equipo máis Lara Martínez e Iago Barreiros 

13 sep 2025 . Actualizado á 12:37 h.

Día inesquecible este xoves para a peña celtista Lenda Celeste Damián Rodríguez. Cumprían dez anos e tiñan claro que querían celebralo por todo o alto e tirar a casa pola fiestra. E todo o que dependía deles saíu ben. «O pequeño pero que tivemos foi a choiva, que apareceu por momento e fixo que a xente se recollese nas zonas de abrigo que tiñamos. Non sabemos o que puido ser con bo tempo, pero xuntamos a máis de 500 persoas», di o seu directivo Adri Bugarín, que estima que poder ser que chegasen ás 700, aínda que admite que o cálculo foi complexo. En todo caso, «foi un éxito rotundo, moitísima xente», subliña.

Non faltou o seu veciño Damián Rodríguez, que desde hai uns meses dá nome a unha peña que xa ten unha década de historia ás súas costas. Canda el, chegaron en representación dos equipos do club a capitá de As Celtas, Lara Martínez, e o xogador xuvenil en dinámica do Celta Fortuna Iago Barreiros. A eles, como a Sergio Álvarez, Vlado Gudelj, Pepe Méndez -presidente da Federación de Peñas Celtistas- e Merchi Llanos -do departamento de abonados- fixéronlles un recibimento ao estilo dos bengalegos de Balaídos que tamén estivo condicionado pola choiva, pero que os convidados agradeceron e gozaron igualmente. «Queriamos que fose especial ese momento no que entrasen no recinto. Foi un pouco de mínimos, pero tratamos de adaptarnos e penso que quedou bonito. Dixeron que non o esperaban e quedaron contentos», celebra.

Logo comezou un acto institucional que non querían que se alongase demasiado e así foi. «O principal era que os nenos puidesen estar cos xogadores, sacarse fotos e demais, así que non nos enrollamos moito con iso», comenta sobre a parte das intervencións. Por parte da peña, o seu presidente, Cristóbal, si aproveitou para facer un pequeno percorrido polo periplo de Lenda Celeste, desde os primeiros pasos, na antiga sede, ata un momento actual moi satisfactorio, como constata Bugarín. «Igual está mal que o diga eu, pero estamos nun momento moi bo, moi unidos, traballando moitísimo, coas tarefas moi delimitadas, cada un co seu cometido», destaca.

Este evento foi a plasmación dese bo funcionamento conxunto dos responsables da peña. Porque non oculta que houbo «moito esforzo» detrás para que saíse ben e tamén moitos gastos, algo que foi posible grazas aos patrocinadores, aos que están especialmente agradecidos. «Unha vez que nos metemos, dixemos: ‘Isto non vai ser de novo -unha celebración destas características- ata dentro de cinco anos, así que cara adiante’», se sincera. De aí que tamén apostaran forte pola música: un primeiro grupo, Wilsons Band, era algo máis descoñecido para o groso dos presentes e sorprendeu para ben: «Son uns rapaces noviños, pero cun espectáculo total», di. O segundo, Canyonero, xa ten máis sona na contorna, son «case profesionais» e tampouco defraudaron. «A xente estivo encantadísima e nós estamos moi agradecidos».

Montaron varias carpas que conseguiron a última hora e a maiores, na súa sede, o café Goya, non collía unha persoa máis. «De non ser pola choiva, non sabemos o que puido ter sido, comentabamos cando estabamos recollendo todo, ás dúas da mañá, que igual ata se nos fora das mans. Estamos moi contentos con como foi, coa xente que veu e tamén coas vendas de merchandising», engade Bugarín. Destaca que os nenos desfrutaron moito cos pintacaras e que, dentro de que foi un evento aberto a todo o celtismo, tiveron sorteos especiais só para peñistas para ter un agarimo especial con eles. Unha festa inesquecible.