
O director de infraestruturas e relacións institucionais do club detalla que o primeiro edifico en construción é o que albergará instalacións deportivas, clínica, centro de estudos e centro de innovación
06 sep 2025 . Actualizado á 16:06 h.O director de infraestruturas e relacións institucionais do Celta, Carlos Cao, comentou para os medios do club os avances e o transcurso da obras de Celta360 na Cidade Deporitva Afouteza. Explica que se desenvolven a bo ritmo, incluso máis rápido do que se prevía, coa construción dunhas instalacións que promete ser «un referente en deporte, saúde, educación e sustentabilidade».
Actualmente, os traballos céntranse na fase de movemento de terras, que será clave para as seguintes etapas da obra. «Empezamos en Viveiros Adoa e seguimos cara á zona norte, onde se levantará o novo estadio», detalla Cao. Aínda que o terreo presenta desafíos, conta, o avance é notable grazas a que «as condicións climáticas son favorables, o que permitiu que as obras avancen incluso máis rápido do agardado» e estase aproveitando cada paso para preparar o terreo para as futuras edificacións.
O primeiro edificio en construción será o edificio mixto, que albergará instalacións deportivas, unha clínica, un centro de estudos e outro de innovación. Para Cao, esta fase «é fundamental para que o resto do proxecto se desenvolva segundo o planeado. É fundamental para sentar as bases do futuro de Celta360». Para rematar, destaca o papel esencial das empresas colaboradoras, cuxa achega, agradece, foi crucial desde o principio. «O traballo conxunto foi determinante para cumprir cos requisitos do proxecto», apunta.
Desde o club engaden que Celta360 «continúa avanzando con paso firme, coa mirada posta en converterse nun modelo de innovación e sustentabilidade a nivel internacional. Un proxecto que non só beneficia ao club, senón á sociedade en xeral».