Capitá celeste nada máis chegar

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

XOÁN CARLOS GIL

Cuquejo está chamada a ser un peso pesado no vestiario dAs Celtas, que ve como «un superproyecto» que hoxe inicia a liga en Segunda Federación

06 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Nerea González Cuquejo, Cuque (A Coruña, 1998), pasa a ser unha das veteranas de dAs Celtas. Chegada este verán, a experimentada centrocampista é unha das capitás, tras Lara Martínez, María Figueroa e Muñi, o que confirma que está chamada a ter moito peso no vestiario. «Non mo agardaba. O corpo técnico díxonos que tres ían ser por elección do persoal e unha, deles.  Supoño que saín polas compañeiras, pero de calquera xeito, asúmoo feliz e agradecida, intentando dar o mellor de min», sinala.

Ademais, a futbolista confesa que «líder ía ser igual», porque é un dos seus trazos distintivos. «Vai comigo, co meu carácter», conta. E asume que a súa experiencia en Segunda Federación tamén é un plus que lle toca achegar. «Levo moitos anos trotando por clubs e intento dar o máximo de min para o equipo, para que os meus compis estean ben e aprendan de min o pouquiño que sei, que tampouco é gran cousa», sinala quitando importancia a unha traxectoria que comezou no Orzán e que logo lle levou a Victoria, Oviedo, León, Friol, Burgos e, os dous últimos anos, Vilalonga.

A proposta do Celta, «en casiña e cun proxecto moi chulo», chamoulle « a atención» desde o primeiro momento e era algo que «non quería perder». «Non teño o abafo que tiña hai dez anos por dicir que si á primeira proposta que vén. Nunca está de máis escoitalo todo e esta pareceume moi interesante», argumenta. Desde fóra, As Celtas parecíalle «un superproyecto» e confirmouno. «O Celta é agora mesmo o primeiro equipo de Galicia, era meganecesario para o fútbol feminino que se crease e estase facendo moi ben», subliña.

Cuque xa coñecía ao coordinador dAs Celtas, Humberto Lede, así como á que agora é a súa adestradora, Vicky Vázquez, da época en que a viguesa xogaba no A Oliveira; tamén a moitas xogadoras, sendo Muñi coa que máis recentemente coincidira. «Coñezo a bastantes doutros clubs ou incluso da selección. Somos case todas galegas e acabas sabendo quen son», comenta. Pero é o de menos: «Non me custa relacionarme e adaptarme».

Duelo de recentemente ascendidos

O balón empeza a rodar para As Celtas na tarde deste sábado fronte ao Bizkerre, un recentemente ascendido como elas. «Creo que é indiferente. Elas son de Euskadi, son duras e virá a por todas. Pero nós xogamos na casa, temos que dar a cara pola nosa xente e tratar de que nos sigan vindo ver. Estamos moi ilusionadas», di para este inicio. Xa puido coñecer á afección na Madroa no partido de presentación fronte ao Porto. «Xa as viñera a ver a algún partido o ano pasado e é súpers chulo que se achegue tanta xente. Sentes que te valoran e que lles gusta o que ven, porque se non, non virían», expón.

A pretemporada deixoulle boas sensacións, partindo de que «había que encaixar pezas» e foron «evolucionando en cada adestramento». «Atopámonos ben para afrontar este partido, con moitas ganas de empezar con bo pé», anhela. Tampouco oculta que lle gustaría verse no primeiro once, «como a todas», pero destaca o nivel do equipo e o ben que competeron neste período de preparación. «O que teña que ser, que sexa. Se non xogo de inicio e saio desde o banco, intentarei achegar tamén todo o que poida», comprométese.

Moi galega

Aínda que natural da Coruña, Cuque, que nunca xogou no Deportivo, defínese como «moi galega» e tanto ela como a súa contorna acolleron con naturalidade a posibilidade de xogar no Celta. «Sempre tiro antes pola terra que por calquera equipo. Estou encantada de que o Celta quixese contar comigo e de estar aquí», proclama unha futbolista á que lle gustaba o balón «desde que era máis grande» que ela.

Só un ano na súa carreira puido dedicarse en exclusiva ao fútbol e o emprego foi outro reclamo para recalar nAs Celtas. Acaba de comezar a traballar para un dos patrocinadores do club. Dobre nova aventura.