Tincho Conde, a piques de fichar polo Castelló

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

RC CELTA

O canteirán volvera ao filial tras iniciar a pretemporada co primeiro equipo do Celta

08 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Os días de Tincho Conde como futbolista do Celta están a piques de chegar ao seu fin. O Castelló, de Segunda División, está moi preto de pechar a chegada do canteirán celeste, segundo confirmaron este xoves fontes próximas ao xogador. O futbolistae baixara de volta ao filial tras comezar a pretemporada co primeiro equipo, tendo participación nos primeiros partidos ás ordes de Claudio Giráldez. Segundo apunta Efe, asinará por catro anos; viaxará nas próximas horas para someterse ao recoñecemento médico e, en caso de superalo, porse de xeito inmediato ás ordes do neerlandés Johan Plat.

Aínda que a idea do club vigués era que seguise no B, coa opción de estar na órbita do primeiro equipo, o xogador preferiu cambiar de aires en busca dunha oportunidade inmediata no fútbol profesional. Ourensán da xeración do 2003 -que conta con catro representantes no conxunto celeste de Primeira actualmente-, foi convocado varias ocasións co primeiro equipo sen chegar a debutar.

Tras dúas tempadas máis discretas, Tincho tivo un papel protagonista na Celta Fortuna 2024/2025, disputando 36 partidos, 35 como titular, e sumando 3.125 minutos -o que máis do cadro de Fredi Álvarez- e catro goles. O seu debut en Primeira Federación fora Claudio Giráldez, que xa o adestrou en xuvenís. Para o recordo queda a frase que pronunciou sobre el Eduardo Coudet, dicindo en decembro do 2021 que era, estando no Xuvenil A, «un lateral que fai goles como tolo».