O Celta incorpora á  súa organigrama a Manuel Álvarez Vilariño

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

O director financeiro do Grupo GES queda vinculado como apoderado ao club, ás Celtas, a Galicia Sports 360 e a Afouteza e Corazón; Marián Mouriño falou na súa última comparecencia de que sumarían un perfil ao que responde esta incorporación

03 jul 2025 . Actualizado á 11:46 h.

O director financeiro do Grupo Corporativo GES desde o ano 2006, Manuel Álvarez Vilariño, é novo apoderado do Celta, dAs Celtas, de Galicia Sports 360 e da sociedade Afouteza e Corazón, segundo recolle o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil deste xoves. Os nomeamentos reflectidos ten data do 26 de xuño

Na súa comparecencia ao final da pasada tempada, Marián Mouriño foi preguntada pola saída do que foi CEO do club, José Gainzarain, e avanzou que non se contemplaba un substituto, pero si falou doutra figura que parece corresponderse con esta incorporación. «Entrará en breve un perfil de dirección financeira e está Alicia (Ferreiro), que entrou como directora de organización e calidade», sinalaba. «Coa  reestruturación que se fixo  e co equipazo de directores que temos na casa, que é unha gozada, non necesitamos cubrir esa posición», dicía. 

Esta novidade no organigrama do club vigués prodúcese días despois da saída da conselleira Xisela Aranda, que era a gran cabeza visible do proxecto dAs Celtas dentro do consello do club, no que causou baixa. A excampioa de squash e futbolista deixou unha vacante na entidade para incorporarse como responsable de deportes á Deputación de Pontevedra, noticia que transcendeu a principios do pasado mes de xuño. Polo momento, queda pendente saber quen cubrirá esa vacante no consello do que forman parte Miguel Álvarez, Antón Álvarez, Sergio Álvarez, Carmela Cuevas, José Álvarez Dadonte e José Manuel Amoedo.