O Concello de Vilagarcía recibe a Óscar Marcos coa súa medalla de subcampión de Europa Sub-19
GRADA DE RÍO

O dianteiro vilaxoanés irradiou no salón nobre de Ravella a súa exquisita educación, nas antípodas do divismo asociado a máis dun novo valor do fútbol profesional
30 jun 2025 . Actualizado a las 20:39 h.Desfíxose en mil desculpas polo enorme retraso co que chegou ao salón nobre da casa do concello, por moito que a razón, un compromiso social marcado polo seu club, o Celta de Vigo, fora allea a el. No breve acto de recoñecemento que lle tributou o seu Concello, o vilaxoanés Óscar Marcos amosou este luns a exquisita educación, o saber estar e os dous firmes pés no chan que aprendeu a manter sempre na súa familia, e que na súa outra casa, a celeste, se afanan por inculcarlles aos xogadores da factoría da Madroa.
O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o concelleiro de Deportes, Carlos Coira, e o edil de Obras e veciño de Vilaxoán, José María González, expresáronlle ao desde hai uns días subcampión de Europa Sub-19 coa selección española de fútbol o orgullo do seu pobo por contar cun deportista da súa categoría. Coa camiseta e coa medalla continental con el, Óscar Marcos confesou o seu cansazo tras tan longa e esixente tempada, na que deu o salto ao Fortuna, o filial do Celta en Primeira RFEF, e na que debutou nun gran torneo con España.