
O adestrador do Celta esgotou as substitucións en 36 dos 38 partidos de liga da tempada 2024/2025
29 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.En 38 xornadas de liga, o adestrador do Celta, Claudio Giráldez, esgotou as substitucións permitidas —cinco desde a pandemia, cando o número se incrementou desde as tres previas— en 36, realizando catro nos dous compromisos restantes. Xa sacaba un gran partido a este recurso desde os seus tempos na Celta Fortuna, pois na tempada 2022/2023 efectuou 189 cambios de 190 en Primeira Federación. Agora, son 189 de 191, pois ante o Sevilla, a substitución dun rival por conmoción cerebral concedeulle unha substitución adicional, podendo facer seis, e non o desaproveitou.
Resto de clubs da liga
Só Valverde fixo máis
O técnico do Athletic Club, Ernesto Valverde, é o único que espremeu aínda más as súas opcións de facer entrar a xogadores desde o banco que o seu homólogo céltico. Esgotou as substitucións en 37 partidos e fixo catro no restante, fronte ás Palmas na xornada 22 e condicionado pola lesión que obrigou a Sancet a abandonar aquel choque aos 22 minutos. O rayista Íñigo Pérez empata con Giráldez a dous partidos con catro cambios e pleno nos demais. Do resto, o Mallorca é o único club que nunca efectuou menos de catro cambios, aínda que esa cifra deuse en trece encontros.
Excepcións do Celta
Ante Barcelona e Mallorca
A primeira vez que Giráldez utilizou catro opcións de mover pezas, deixando unha sen gastar, foi fronte ao Barcelona na xornada 12, en Balaídos (2-2). «Nese momento non tiña a quen quitar», explicaba nunha entrevista a La Voz semanas máis tarde. A outra vez foi máis recente, no triunfo fronte ao Mallorca a domicilio de principios de abril.
A súa filosofía
Un banco completísimo
O porriñés expón os motivos polos que lle dá tanta relevancia aos cinco cambios e esprémeos ao máximo. «Paréceme importante xa non só polo tema físico, tamén pola carga táctica. E temos un banco completísimo co que podemos dar solucións ao equipo e usar esas cartas que antes non había», en referencia ao cambio de normativa hai agora cinco anos.
Refrescos habituais
Williot, Douvikas e Borja Iglesias, os que máis entraron
Williot Swedberg, en 17 partidos, é o xogador do Celta que máis veces participou en duelos nos que non fora titular, seguido dun Tasos Douvikas que ía na cabeza (14) cando deixou o club no inverno. Tamén tiveron este rol en máis dunha decena de ocasións Borja Iglesias (13), Pablo Durán (12), Iago Aspas e Ilaix Moriba (11) e o traspasado Fer López e Javi Rodríguez (10). No outro extremo, quitando aos que apenas interviñeron, os que menos partidos como suplentes acumulan, pero por ser case sempre da partida, son Marcos Alonso e Carl Starfelt, con dúas cada un.
Os máis relevados
Borja Iglesias e Williot, os máis substituídos
Á parte de incorporarse a partidos xa empezados moitas veces, Borja Iglesias e Williot Swedberg tamén viron con frecuencia o seu dorsal como aviso para abandonar o campo cando si saíron de inicio. Pasoulle ao compostelán en 23 partidos e ao sueco, en quince, todos os que viviu como titular. Tampouco completaron ningún encontro Javier Manquillo (7 de inicio), Mihailo Ristic (6), Douvikas (6) e Iker Losada (4). Entre os relevados un número importante de ocasións, pero que si completaron choques, están Iago Aspas, Pablo Durán e Hugo Sotelo, con once.
Movementos concretos
Sen cambios estándar
Giráldez confirmouse a media que avanzaba o seu camiño no primeiro equipo o que xa se intuía desde antes: é un técnico impredicible. Iso afecta os onces , pero tamén aos cambios. Así, son moitísimas as substitucións que se deron unha ou dúas veces na tempada e poucas as que se repiten. Entre as que si o fan destaca o binomio Borja-Douvikas, co compostelán entrando polo grego en seis partidos e, á inversa, en trece. Fer López e Iago Aspas entraron polo outro catro veces, as mesmas que Alfon por Williot e Sotelo por Beltrán. O resto déronse sempre en menor medida.
Goles
Catorce de suplentes
Catorce dos goles de Celta foron marcados por xogadores que comezaran no banco. Foron a metade do total de dez que asinou Iago Aspas, máis dous de Williot, outros tantos de Douvikas e un por cabeza de Hugo Álvarez, Alfon González, Fer López e Borja Iglesias; só dous deles non contribuíron a puntuar. A cifra o curso pasado fora de once, xa moi por amais do que viña sendo habitual no equipo.
Momento de intervir
O groso, entre o minuto 60 e o 80
Claudio Giráldez fixo máis da metade dos cambios, 102, entre os minutos 60 e 80, con maior concentración, dentro deste rango, do 70 en diante. Ao descanso actuou en 26 ocasións e na primeira parte, en cinco, practicamente sempre con motivo de lesións de futbolistas. En sete choques, houbo movementos co tempo xa cumprido.
Fiestras
Seis triplos cambios
Aínda que o preparador celeste sexa moi dado a axitar a árbore, non é frecuente que o faga de tres en tres. De feito, só sucedeu en catro ocasiones. Fronte ao As Palmas, tras quedarse o equipo vigués con nove, entraron Javi Rodríguez, Pablo Durán e Douvikas por Javier Manquillo, Williot e Borja. En Vallecas, foi no 81 cando entraron Sotelo, Williot e Carreira por Beltrán, Franco Cervi e Starfelt, mentres que a historia se repetiu en Anoeta, entrando Yoel, Williot e Iker por Ristic, Alfon e Borja. Os dobres cambios si foron frecuentes, pero foron máis as ocasións nas que se fixo un único movemento.
Estrea dos seis
A particularidade do duelo ante o Sevilla
No penúltimo duelo na casa, ante o Sevilla, os vigueses tiveron por única ocasión a oportunidade de retirar do campo a seis homes, debido a que un das substitucións do rival foi por conmoción cerebral. Así, ese día, Durán puido deixar o seu sitio a Iker cando xa fixeran o propio Damián, Aspas, Williot, Mingueza e Hugo Álvarez en favor de Beltrán, Javi, Ristic, Cervi e Borja.
Tempada anterior
Pleno
Na campaña anterior, cando Giráldez dirixiu os últimos dez partidos do primeiro equipo, sempre esgotou os cambios. Un elemento máis de ruptura co seu antecesor, Rafa Benítez, que de cando en cando non deixou ningún sen facer durante os seus meses a cargo do cadro celeste.