
O desexo do club vigués é traspasar ao central vasco, con contrato ata o 2029, este verán
28 jun 2025 . Actualizado á 17:56 h.O defensa Unai Núñez, que a pasada tempada xogou cedido polo Celta no Athletic Club -onde se formou e desde onde chegou a Vigo no 2022-, foi citado por Claudio Giráldez para iniciar os adestramentos co persoal celeste na Cidade Deportiva Afouteza, tal e como agardaba e confirmou na tarde este sábado axénciaa Efe. A idea do futbolista, como xa informara La Voz a finais de maio, era xa entón chegar a lume de biqueira á pretemporada e demostrar que pode ser importante nunha campaña esixente con tres competicións polo medio, aínda que, de inicio, esa idea non coincide coa da entidade.
O Celta pagou pola compra do internacional español oito millóns de euros ao conxunto bilbaíno -tiña obrigación de facelo tras dous cursos de préstamo-, que o pasado verán o repescó como cedido ao non contar para Giráldez. Co Athletic, Unai Núñez tivo un protagonismo escaso, disputando na tempada 2024/2025 un total de quince partidos entre as tres competicións nas que estiveron os de Ernesto Valverde: dez de Liga, catro da liga Europea e un da Copa do Rey.
Unai Núñez ten contrato co club vigués ata xuño de 2029, pero o desexo da dirección deportiva que lidera o mexicano Marco Garcés é traspasalo este verán para recuperar parte do investido na súa fichaxe, informaron a Efe fontes da entidade presidida por Marian Mouriño.