Así foi a resposta do Celta aos agasallos e á petición do alcalde deportivista de Taboada
BANCADA DE RÍO

Roi Rigueira comparte a misiva asinada pola presidenta do club vigués, Marián Mouriño, en resposta á que el lle remitira logo de recibir a bandeira enviada pola entidade aos concellos galegos
27 jun 2025 . Actualizado á 10:23 h.O alcalde de Taboada, Roi Rigueira, foi o gran protagonista entre os rexedores que recibiron as bandeiras que o Celta enviou aos concellos galegos na semana previa ao partido no que acadou a clasificación para a Europa League. Malia ser un deportivista declarado, conquistou ao celtismo coa súa maneira de recibir a iniciativa e tamén de contestar. Porque decidiu compartir que ía responder ao club vigués cunha misiva na que facía varias demandas -mantendo en segredo cales eran- e que tivo resposta por parte da presidenta da entidade celeste, Marián Mouriño, nunha carta que o gobernante lucense tamén compartiu cos seus seguidores.
Esta semana, Rigueira recibía e agradecía a contestación datada este pasado 13 de xuño, aproveitando xa para desvelar cal era as petición -só se refire a unha, aínda que no seu día falara de varias- que fixera ao Celta e á súa dirixente, á que tamén enviara varios agasallos que amosara nun vídeo publicado nos seus perfís en redes sociais. «Pois contestou o RC Celta de Vigo. Todo un detalle pola súa parte, e, ademais, teño que dicir que non o fixeron por compromiso, senón que leron cada unha das liñas da carta que lles enviamos», sinala o dirixente taboadés.
Confesa agora que a primeira proposta era que o Celta fose xogar un partido de pretempada ao seu municipio, ao campo A Medela - Xosé Anxo Varela, Canti. «Como sabedes, é dos mellores campos da provincia e onde xoga o Taboada CF como local», sinala dirixíndose aos seus veciños. Coméntalles Marián Mouriño que os amigables desta pretempada están xa pechados, pero que valorarán con gusto ver se existe algunha posibilidade. «E de non ser así, que lles encantaría poder manter o vínculo e poder realizar algunha outra actividade no noso concello. Nós, desde logo, estaremos ollo avizor para tentar aproveitar calquera oportunidade que se nos presente, co obxectivo de que o nome do Concello de Taboada se promocione en Vigo e no resto de Galicia», prosegue o alcalde.

Rigueira felicita e agradece novamente ao Celta e a Mouriño. «Ogallá a poida saudar algún día, e ogallá sexa en Taboada», desexa. E engade tamén: «Etiqueto a Grada de Río, perfil grazas ao cal o noso agasallo ao Celta tivo moita repercusión, e deixo tamén unha imaxe da Medela - Xosé Anxo Varela, Canti, coa vila de Taboada ao fondo, coa esperanza de que se algún directivo do Celta a ve determine que é un bo campo para que Iago Aspas gambetee e faga das súas».
Marián Mouriño, ademais de agradecer os agasallos de Rigueira e contestar á petición do amigable, tamén alude directamente a que o alcalde sexa afeccionado do eterno rival. «Agradecemos sinceramente sus palabras, en especial, viniendo de un deportivista. Más allá de rivalidades, queremos que el Celta represente a toda Galicia y será un honor llevar con orgullo el espíritu gallego por Europa. Los logros de este, y de todos los cursos, también son vuestros», apunta.
(2/2) pic.twitter.com/lvwq5ttdwr
— Bancada de Río (@gradaderio) May 29, 2025
O Celta enviara unha camiseta e unha bandeira, así como unha carta pedíndolles o seu apoio, a todos os concellos galegos. Foron máis dun cento os que responderon, xa fose pendurando a bandeira na correspondente casa consistorial ou, polo menos, posando con ela ou agradecendo o detalle. Despois, houbo algúns como Salceda de Caselas ou Redondela que as cederon ás peñas celtistas locais, Corvos Celestes e Os Viaductos, respectivamente, mentres que esta mesma semana, o peñista máis lonxevo da agrupación celtista de O Barco recibiu a enviada a este concello ourensán.