Xisela Aranda deixa o Celta para asumir a dirección de Deportes da Deputación de Pontevedra
BANCADA DE RÍO

O novo cargo da ata o de agora conselleira está suxeito á normativa de incompatibilidades do persoal das Administracións Públicas, o que implica á súa saída do club
03 jun 2025 . Actualizado á 18:16 h.A ata o de agora conselleira do Celta Xisela Aranda foi nomeada directora de Deportes da Deputación de Pontevedra mediante o sistema de libre designación. A das sete veces campioa de España de squash e exfutbolista do Tenrife foi unha das once candidaturas que se presentaron dentro do prazo establecido, das que sete cumprían os requisitos esixidos, e foi finalmente a escollida. Trátase dun posto con rango de alto cargo, suxeito á normativa de incompatibilidades, o que implica a súa saída do club vigués.
As bases da convocatoria establecían que a desginación faríase en funcíón dos principios de mérito e capacidade, así como idoneidade, competencia profesional e experiencia. «Examinada a documentación aportada polas persoas candidatas, en data 29/05/2025 o órgano técnico de valoración da idoneidade emite informe ao respecto, indicando que das sete persoas que cumpren os requisitos esixidos para acceder ao posto convocado, catro acreditan as condicións de idoneidade previstas nas bases da convocatoria», indica a resolución, publicada no Boletín Oficial da Provincia, en referencia á primeira criba.
Con data de 30 de maio, continúa o documetno, «a vicepresidenta con competencias delegadas en materia de deportes, á vista a documentación que obra no expediente, propón o nomeamento de Dona Xisela Aranda Núñez». Detalla que esta proposta faise en base «ao seu currículo, formación académica e experiencia de exercicio profesional na realización de funcións de dirección, planificación e desenvolvemento estratéxico en materia deportiva». A isto súmase o proxecto de dirección e xestión das actividades deportivas da Deputación Provincial que presentou, «aliñado cos obxectivos institucionais desta Corporación».
O texto subliña que «a directiva estará sometida á normativa de incompatibilidades do persoal ó servizo das Administracións Públicas e ás normas estatais ou autonómicas que resulten de aplicación», do que se desprende, a priori, a imposibilidade de seguir como conselleira do Celta á vez que asume esta nova responsabilidade. Aranda conta cun prazo de tres días hábiles, a partir do día seguinte á publicación, para presentar no Servizo de Recursos Humanos e Formación a documentación requirida. Tamén cabe recurso.
Aranda, que forma parte do consello do Celta desde a chegada de Marián Mouriño, a finais do 2023, foi a gran cabeza visible do proxecto de fútbol feminino da entidade, As Celtas. A súa última aparición pública ata o mmento, de feito, foi a pasada fin de semana, acompañando ao equipo cadete que se proclamou campión galego.