
O Celta calcula que ingresará uns 10 millóns pola primeira fase, que o límite salarial será parecido e que necesitan unha venda para evitar «perdas grandes»
30 may 2025 . Actualizado á 23:20 h.A clasificación para a competición europea non varía a folla de ruta do Celta en materia económica. O club, despois de consultar coa liga, prevé ingresar uns 10 millóns de euros por participar na fase liga da Europa League, mentres que na competición doméstica, o incremento na próxima repartición de televisión será duns cinco millóns con respecto aos 48,2 da campaña pasada. En canto ao límite salarial, apenas sufrirá variación, o que significa que se moverá (en teoría) por baixo dos 80 millóns (77,5 o curso pasado). Ademais, e aínda que non queren vender a ningún dos xogadores que formaron parte do proxecto, Marián Mouriño recoñece que deben facer algunha operación antes do 30 de xuño «para non presentar unhas perdas moi grandes».
O Plan Estratéxico a cinco anos, presentado na pasada xunta de accionistas, non se ve alterado polo excelente momento deportivo e para cubrir o presuposto dos 107 millóns da pasada tempada, o club está obrigado a vender: «Teremos que facer algunha venda, obviamente, para non presentar unhas perdas grandes, pero non é tan necesario nin tan grande a cifra que necesitaremos ou que estamos a agardar vender. Imos priorizar facer un mercado normal».
Vender por menos de 34
No presuposto aprobado no seu día indicábanse que o Celta tiña que ingresar 34 millóns por vendas, pero Marián Mouriño matizou: «Non imos chegar a esa cantidade, pero non o pechamos aínda». Para manter o persoal e facer caixa, todo pasaría por vender a ningún dos cedidos se teñen mercado.
A presidenta indica que, polo momento, non teñen claro cal será o déficit da tempada, pero máis aló do balance anual quixo destacar: «O Celta é un club solvente, seguimos sendo cociente aceptable pola liga, que son poucos os clubs que seguen esta liña e que teñen esa robustez económica. Pero si é verdade que temos un camiño aínda que percorrer para chegar e conseguir que o club siga ou volva a aqueles anos de ingresos e de non perdas e co cal temos un plan moi trazado, moi estrito. Temos que ter os pés no chan, a cabeza fría para tomar decisións e protexer a consistencia económica».
Dentro desa mesura, anunciou que o límite salarial non sufrirá cambios significativos con respecto a esta tempada: «Eu creo que imos estar en cifras similares, porque o límite salarial calcúlancho sobre o que fagas esta tempada. Eu meteríame na cabeza que máis ou menos as mesmas cifras que esta tempada, pero hai que acordarse que non usamos todo o tope porque no inverno quedou unha parte». Tamén positivo para o Celta é o cambio de criterio nos fondos propios, «que antes podías aplicar a partir dos 40 millóns e agora baixou a 25 e iso a nós benefícianos».
Pola contra, hai que ter en conta, que os ingresos da Europa League ou unha hipotética venda a partir do 1 de xullo non sería computado para o exercicio que o club ten que pechar ao 30 de xuño. Respecto diso da participación continental, Marián Mouriño xa ten o primeiro cálculo aproximado de ingresos: «O que nos van deixar meter no presuposto para o ano que vén son uns 10 millóns pola primeira fase, pero non son netos porque de aí tes que descontar todos os gastos: primas viaxes, bonos...». En canto á televisión, o cálculo son «uns cinco millóns», o que lles permitiría rozar os 53 millóns.