38 xornadas, 38 onces de Claudio Giráldez

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

AFP7 vía Europa Press | EUROPAPRESS

O Celta presentou unha aliñación diferente en cada xornada da liga

29 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

38 partidos e 38 aliñacións diferentes. Coñecendo a traxectoria de Claudio Giráldez, e aínda que houbo unha xornada no tramo final na que el mesmo confesou logo que estivera a piques de repetir aliñación, non sorprende o dato. O técnico do Celta utilizou, ademais, como titulares a todos os futbolistas con ficha do primeiro equipo que estiveron no persoal durante toda a tempada, á parte da varios con licenza do B. A súa media de cambios entre partidos consecutivos de liga é de 4,02.

Non hai ningún futbolista que fose titular en todos os partidos, sendo o que máis preto quedou, en 34, o gardameta Vicente Guaita, que o xogou todo a partir da xornada cinco e despois de que os seus problemas de ombro fixesen que Iván Villar comezase o campionato baixo paus. O único xogador de campo que pasou da trintena de encontros saíndo de inicio é Óscar Mingueza, con 31. No outro extremo, os céltico que menos veces foron da partida son Iker Losada -chegado no inverno-, Franco Cervi e Iván Villar, con catro cada un.

A lista de xogadores convocados e que non tiveron minutos confórmana o xogadores do filial Marc Vidal (7 convocatorias), Jones O-Abdellaoui (8), César Fernández (5), Miguel Román (4) e Tincho Conde (2). Ademais, tampouco foron titulares, aínda que si tiveron unha participación testemuñal, tres xogadores que deixaron o club no inverno como cedidos: Joseph Aidoo, Luca da Torre e Tadeo Allende.

Giráldez aliñou como titulares tendo ficha do filial este curso a tres xogadores que pasaron a tela do primeiro equipo nesta mesma tempada: Damián Rodríguez, ao que xa se lle cambiou antes do peche do anterior mercado de verán, e Hugo Sotelo e Hugo Álvarez, cuxos cambios foron no inverno. Javi Rodríguez non baixou unha soa vez ao Fortuna, aínda que mantivo a ficha durante toda a tempada. E Fer López e Yoel Lago, que tamén foron da partida, si sumaron moitos minutos co segundo equipo, pero cando subiron, non houbo camiño de retorno -salvo cando o vigués baixou de xeito puntual durante un parón en Primeira-.

En total, son 27 futbolistas os que formaron parte dalgún once de Giráldez este curso en liga. Queda lonxe dos 35 futbolistas diferentes do Betis e do Valladolid, mentres que tamén o Sevilla pasou a trintena (31). Superan os vigueses, así mesmo, Barcelona, Athletic Club, Valencia e Alavés, todos con 28, mentres que a Real Sociedade ten o mesmo dato de 27. Por baixo, As Palmas, Leganés e Villareal, con 26; Real Madrid, Xirona, Espanyol e Xetafe, con 25; Raio, con 24; Osasuna, con 23 e, pechando a lista, o Atlético de Madrid, con 22.

Os canteiráns sumaron 140 titularidades, un 33,49%, mentres que se se contan os galegos non canteiráns (Borja Iglesias e Pablo Durán), a cifra elévase a 179, un 42,82%. Falando de xogadores con pasado no filial, caso de todos os anteriores máis Alfon González, o rexistro é xa de 193, un 46,17%.

Entre onces de xornadas consecutiva, houbo dúas ocasións nas que Claudio fixo un só cambio. A primeira foi en novembro cando fronte ao Espanyol só fixo unha modificación respecto aos que saíran en Montjuic: Damián por Beltrán. Repetiran nesa ocasión Guaita, Mingueza, Javi, Starfelt, Marcos, Hugo Álvarez, Bamba, Ilaix, Aspas e Douvikas. Xa máis recentemente, a principios de abril, a entrada de Sotelo por Ilaix foi a única variación fronte aos pericos en Balaídos respecto a Mallorca.

O máximo é de sete cambios, rexistro que se deu en catro ocasiones, tres das cales coincidían con xornadas intersemanales. Foi así na primeira volta, fronte ao Vilarreal e ao Xirona, e máis recentemente, na segundo, fronte á Real Sociedade. Sen que mediase ese condicionante, tamén foron sete as pezas que moveu o técnico celeste no partido anterior ao de Anoeta, fronte ao Sevilla e unha semana despois de caer fronte ao Real Madrid.

A estatística di que o técnico do Celta fixo máis cambios nos seus equipos de partida despois de perder partidos que cando si puntuou. Tras caer derrotados, a media de cambios nos onces foi de xusto 5, mentres que despois de gañar foi de 3,07 e tras empatar, de 3,71.

3,65 canteiráns de media

A media de canteiráns por once do Celta esta tempada en liga é de 3,65, cun máximo de seis, na segunda xornada, cando xogaron Iván, Javi, Carlos, Hugo Álvarez, Damián e Iago Aspas, e un mínimo dun, Carlos Domínguez, en Vallecas. En canto a ex do filial celeste, chegouse a 7 e non se baixou de 3.