
Das 27 combinacións posibles entre os tres candidatos, o equipo vigués xogaría a Europa League en quince dos casos e a Conference League en oito
20 may 2025 . Actualizado á 12:21 h.A porcentaxe de posibilidades de que o Celta se clasifique para a Europa League sufriu un lixeiro descenso, pero o conxunto vigués segue dependendo de si mesmo para finalizar a tempada na sétima praza. Das 27 combinacións posibles entre os tres implicados (Raio e Osasuna son os outros dous), o cadro vigués ten quince opcións de acabar sétimo e oito de ser oitavo. É o equipo con máis posibilidades, pero en realidade todo pasa por gañar en Xetafe ante un rival salvado que non xoga nada pero que sempre foi incómodo para o cadro vigués. O mesmo escenario repítese para o Raio, que recibe ao Mallorca, e para o Osasuna, que visita ao Alavés.
Europa League
A vitoria é o camiño máis curto, pero o Celta ten catro vías de chegada se empata e dúas se perde
O Celta finalizará sétimo en quince dos casos posibles. Co triunfo, ten asegurados os 55 puntos e ninguén máis pode chegar a eles. Pero a vitoria do equipo de Giráldez non é o único camiño, aínda que os demais son arrevesados. Se empatase no Coliseum, necesitaría que os seus dous rivais craven o mesmo resultado, ou que perdan os dous ou que un empate e o outro perda. En caso de derrota, a única vía é que o Mallorca gañe en Vallecas e o Alavés quede cos puntos ante o Osasuna. Tamén sería válida unha derrota do Raio e un empate dos navarros sempre que os célticos non perdan en Xetafe por seis ou máis goles, que é a diferenza na que avantaxa nestes momentos ao equipo de Vicente Moreno.
A CONFERENCE
Catro opcións en caso de empate e catro de derrota
Partindo da base que o Celta non gañase o seu partido e perdese o billete para a Europa League, sae beneficiado en sete combinacións para xogar a terceira competición continental, que require unha previa en agosto. Se empata co Xetafe a primeira opción é que perda un dos seus dous rivais. No caso de que un dos dous empatase, o equipo de Giráldez ten a gol average particular perdida co Raio e empatado co Osasuna, pero co xeneral a favor. En caso de perder, ten que caer un dos dous rivais directos para que os 52 puntos equivalesen á oitava praza ou que o cadro navarro non pase do empate e o Raio non entre na ecuación.
DOBRES EMPATES
O Celta pérdeo co Raio e ten o xeneral a favor co Osasuna
Nun dobre empate a 52 puntos, o único que se pode dar, o Celta sairía mal parado co Raio e teríao virtualmente gañado co Osasuna, que terá que empatar e que os de Giráldez encaixasen cinco ou máis goles.
TRIPLO EMPATE
O Celta sería noveno
Un triplo empate a 52 puntos esnaquizaría ao Celta, que só sumou tres puntos nos duelos directos, fronte aos catro do Osasuna e os 10 do Raio Vallecano (tres vitorias e un empate).
EUROPA LEAGUE
Gañando
Empatando se o Osasuna e o Raio non gañan
Perdendo se o Osasuna e o Raio tamén o fan
Perdendo se o Osasuna empata e o Raio perde.
CONFERENCE
Empatando se o Raio gaña e Osasuna perde, ou ao revés
Perdendo se o fai tamén un dos seus dous rivais
Perdendo e que o Raio empate e Osasuna perda.
Perdendo por menos de cinco goles, se o Raio gaña e o Osasuna empata.