Vicky Vázquez: «O final do último partido foi unha sensación de liberación e satisfacción»
BANCADA DE RÍO

Vicky dálle moito mérito a cohesionar un grupo partindo desde cero
19 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.Vicky Vázquez liderou o primeiro proxecto e o primeiro ascenso dAs Celtas. A adestrada destaca a dificultade de pór a andar un novo equipo, admite que houbo momentos complicados e queda co crecemento experimentado polo equipo, destacando das súas xogadoras competitivamente «son bárbaras». Xa advirte que a Segunda Federación é unha liga máis competitiva.
—Como avalía a tempada?
—Estamos moi satisfeitas polo traballo realizado. Comezamos con moita ilusión e con algo de incerteza por tratarse dun proxecto novo, pero co traballo e o esforzo de todos, conseguimos o resultado. Eu estou moi contenta polo traballo realizado.
—Supoño que foi un ano moi especial.
—Súpers especial. Era o primeiro ano e iso supón que, a pesar da dificultade que tivemos arrincando desde cero e pondo a xogadoras cada unha do seu pai e da súa nai, unindo todo iso e, logo, practicando un bo modelo de xogo, fai que estea moi contenta por todo o proceso que conseguimos rematar con éxito.
—Que foi o máis difícil?
—As primeiras semanas, sobre todo. Vas probando, vendo os rivais e demais. Tes na cabeza probar cousas, pero, doutra banda, non podes facelo, porque a competición está en marcha e tes necesidade de puntuar por ser o club que somos. Era esa cousas de «non hai tempo, hai que tirar cara adiante» e, ao final, co esforzo das xogadoras e o traballo do corpo técnico, fomos capaces de atopar unha liña de traballo na que estabamos todos moi cómodos e o resultados foron chegando.
—Como se ensambló o equipo?
—Foi complicado. Démonos conta que estabamos no Celta, que é un club de Primeira División, profesional e ao final, as xogadoras e o corpo técnico non estabamos 100% acostumados a tanta profesionalidade. Ao principio, custou adaptarse, pero co paso das semana,s todo foi perfecto. As xogadoras demostraron o que foron capaces de facer e lograron ese ascenso.
—Por que tantos problemas fóra de casa no arranque de tempada?
—Non sei cal foi o motivo polo que fóra de casa tivésemos esa perda de puntos, pero o positivo foi que fomos capaces de levantarnos e incluso levantar partidos cando ao principio non eramos capaces. A medida que pasaban as semanas,, cada vez eramos capaces de facer máis cousas. Ese proceso era aínda máis satisfactorio, porque cada semana que pasaba, mellorabas o anterior.
—O momento crítico foi a derrota na casa co Deportivo B?
—Esa derrota foi bastante dolorosa pola forma, non polo rival, senón porque foi cruel. Comezamos o partido incómodas e elas adiantáronse, pero na segunda metade, estivemos mellor, logramos empatar e logo marcáronnos no desconto cando tiñas todo na túa man. O fútbol ten esas cousas, pero o máis importante é que á semana seguinte levantámonos.
—Cando viu que tiña o ascenso na man?
—Eu son unha persoa moi prudente e non o vin claro ata que chegamos a Valladolid e marcamos o 0-4. Nese momento díxenme: «Parece que isto vai ben e pódome tranquilizar un pouco» .Pero cando pitou o final, foi unha sensación de liberación e satisfacción. No entanto, debo dicir que cando xogamos na casa contra o Olímpico, tiña moitísima confianza nas xogadoras, que son unhas competidoras bárbaras, e estaba tranquila.
—Que significaron os dous partidos de Balaídos?
—Como celtista que son, xogar en Balaídos é espectacular. Tivemos unha grande acollida e foi unha pena o do día do Deportivo B polo mal tempo que facía, pero a entrada foi moi alta e estamos en números de afeccionadas de Liga F. En canto a afección, estamos moi agradecidas polo cariño e o apoio recibido. Na Madroa foron o xogador número 12, sen ningunha dúbida.
«A presidenta recalca que este equipo debe ter entidade propia»
O proxecto dAs Celtas debe ter entidade propia, esa é a premisa de Marián Mouriño e un dos grandes obxectivos no recentemente ascendido equipo.
—Como definiría o apoio que recibe o proxecto dentro do club?
—Este proxecto ten un apoio espectacular. Eu síntome súpers apoiada, súpers valorada; penso que todo o club está pendente de nós e iso é unha pasada. O día que certificamos o ascenso, tiñamos todos unha chea de mensaxes por parte de todo o club. É unha pasada como todo o club se envorcou connosco.
—Pero que ten de diferente?
—O que recalca a presidente é que este equipo teña unha identidade propia. Sempre se dicía por aí que un equipo feminino necesita o sustento do masculino, pero demostrouse, polo que din os números, que este equipo ten a súa identidade e pódese soster sen necesidade de ter o aval do equipo masculino. A filosofía é a mesma que o masculino, intentar sacar xogadoras, porque en Vigo e en Galicia hai moitísimo talento que hai que sacar adiante. O equipo feminino debe ter a mesma filosofía e por iso temos que traballar tanto a canteira.
«A Segunda Federación é unha liga moito máis competitiva, pero estamos con ganas»
Marián Mouriño, a presidenta, anunciou o día da celebración do ascenso que Vicky Vázquez continuará a cargo do equipo e aínda que a adestradora non o quixo confirmar, fala do reto de futuro e que se atoparán unha Segunda Federación máis competitiva.
—Cales son as principais diferenzas que lles agardan?
—Estiven en Segunda Federación hai dous anos, pero creo que cambiou bastante. Ao final, os equipos teñen máis nivel, as xogadoras, igual, e creo que vai ser unha liga moito máis competitiva que a que nos atopamos este ano. Agora creo que todos os equipos van ser moi competitivos e que será difícil obter bos resultados, pero afrontamos este reto con moitísimas ganas e temos que ir a por el.
—Este equipo pode ser competitivo en Segunda Federación ou necesita retoques?
—Iso é algo que temos que ir vendo aos poucos, pero as xogadoras demostraron que teñen un gran nivel para acadar este ascenso.
—A presidenta xa dixo que vostede vai continuar.
—Eu estou a expensas do que me digan.
—Como compaxinou o seu traballo de profesora co de adestradora?
—Levo moitos anos traballando de profesora (dá clases de Educación Física nun ciclo superior), e no colexio, desde o primeiro día, sempre se portaron moi ben comigo. Puiden reducir un pouco a xornada laboral e iso permitiume compaxinar as dúas cousas. A docencia gústame moito e dáme moito a vida, porque me permite desconectar do Celta, que absorbe moito e esixe dedicación.