
O Celta acadou o obxectivo do billete continental a maior parte das veces nas que chegou con opcións a estas alturas de campionato
17 may 2025 . Actualizado a las 12:18 h.O Celta chega á penúltima xornada de liga dependendo de si mesmo para conseguir un billete continental nove anos despois, xa sexa de Europa League ou de Conference. Os precedentes din que a maior parte das ocasións nas que o equipo vigués acadou estas alturas de competición con opcións de meterse, logrouno, aínda con decepcións polo camiño como quedar ás portas da Champions no ano 1999, cando estivo moi preto. Agora, aspira a non ter que chegar a Xetafe sen certificar o que acabou sendo o seu obxectivo, a matrícula de honra para unha tempada que xa é sobresaliente, como vén repetindo Claudio Giráldez.
A única ocasión na historia recente na que o Celta mirou cara a Europa nunha recta final de campionato e non se meteu foi na única tempada completa de Eduardo Coudet no banco celeste, a 2020/2021, aínda que as opcións eran daquela moito máis remotas que agora. Cinco vitorias seguidas entre as xornadas 32 e 37 fixeron soñar ao celtismo, pero malia gañar ao Barcelona no Camp Nou na penúltimo compromiso de liga, chegaron ao último xa sen posibilidades. Remataron oitavos a cinco puntos do Vilarreal e caendo en Mestalla no último encontro.
A clasificación máis recente data do ano 2016, cando o equipo rematou sexto con 60 puntos e oito de vantaxe sobre o sétimo, o Sevilla. Deste modo, a presenza do equipo de Eduardo Berizzo na Europa League -na participación na que acadaría as semifinais- quedou garantida xa antes de disputar o partido da xornada 35 fronte ao Granada, ao asegurar unha sétima posición que tamén tiña premio aquela campaña. Chegaron á penúltima xornada quintos, pero foron superados polo Athletic Club.
O éxito de hai agora nove anos chegaba unha década despois da anterior ocasión na que o Celta se vira nesa tesitura, vindo de ascender, no ano 2006 -e perdendo a categoría un ano máis tarde no que é o descenso máis recente ata o de agora-. A falta dun encontro, aseguraran a sexta praza, pois sacaban cinco puntos al seguinte clasificado, o Deportivo, que foi á Intertoto. Gañaron ese último partido e foron sextos con 64 puntos.
A única clasificación para Champions na historia celeste, no 2003, si tivo que esperar á ultima xornada, cando gañaron á Real Sociedade en Balaídos, o que lles permitiu ser cuartos sacando un punto ao Valencia, que tamén levara os tres no encontro final. De non ter acadado esa meta, os de Miguel Ángel Lotina tiñan asegurada a UEFA a falta de tres citas por disputarse.
No ano 2002, o Celta puido permitirse pechar o torneo con dúas derrotas e ser quinto, cun punto máis ca o Betis e seis sobre o Alavés, os seus mási inmediatos perseguidores. Asegurárase a UEFA na xornada 36, cando era cuarto, pero eses 0/6 fixeron que fose superado polo Barcelona. Máis axustada estaba a cousa doce meses antes, cando precisaron sumar -chegou cun punto- na xornada 38 para ser sextos nun ano no que o sétimo posto non tiña ningún tipo de recompensa.
No ano 2000, o equipo vigués accedeu á UEFA pola vía da Interoto, na que se impuxo. Fora sétimo con 53, a oito do Alavés, polo que as opcións de clasificación directa desapareceran tempo atrás; de feito, o cadro vigués non pisara esas prazas nas últimas dez xornadas. Na derradeira, empatou e sen ese punto, non se tería metido, pois rematou empatado co Valladolid, cos pucelanos por debaixo.
En canto á de 1999, foi a clasificación máis agridoce, porque o equipo chegaba á última xornada con opcións de Champions, pero unha derrota en Balaídos fronte ao Atlético de Madrid acabou con esa esperanza. Perderan os dous últimos partidos e foran quintos despois de ir terceiros, co billete continental na súa man, na xornada 36. E en 1998 rematou unha espera de 27 anos desde a clasificación de 1971: un triunfo ante o Mérida na casa foi o punto de partida do EuroCelta, con seis campañas seguidas disputando torneo europeo.