Carlos Cao: «Este proxecto coloca noutra esfera ao Celta, Galicia Sports 360 é único en España»
GRADA DE RÍO

O director de infraestruturas e relacions institucionais do club, clave na posta en marcha da iniciativa celeste, lembra que a formación, saúde e a innovación xa existían na idea inicial de hai 10 anos
28 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Carlos Cao Pérez, conxuntamente coa presidenta do Celta, Marián Mouriño, é a principal cara visible de Galicia Sports 360 que vén de recibir a declaración de proxecto de interese autonómico por parte da Xunta de Galicia. O director da área de infraestruturas e de relacións institucionais leva unha década no club, tempo que investiu en gran medida en que a iniciativa puidese ver a luz. Agora que as obras están a piques de arrancar, fai un repaso por todo o proceso e non dubida en asegurar que a iniciativa coloca noutra dimensión ao club e que non existe un proxecto semellante nin en Europa nin no mundo.
—Como foi a evolución dende o centro comercial a GS 360?
—O cambio máis importante é que, dende o día que non se permite a conexión coa A-55, o centro comercial morre e sae das nosas cabezas. En canto ao resto, se se colle o proxecto inicial daquela Modificación Puntual do PXOM, tiña unha parte principal da cidade deportiva na que xa existían a formación, a saúde, a innovación e todos os contidos que hoxe temos doutra maneira. Eses piares básicos xa existían. Centrámonos no que críamos que aportaba o interese xeral ao proxecto.
—A idea viña moi de atrás.
—Cando eu cheguei ao club hai dez anos, o presidente Carlos Mouriño xa falaba da Universidade do Deporte, non é unha idea feliz antes de onte. Metemos a un socio estratéxico moi importante, que é CBRE e que nos axudou a configurar o puzle e facelo viable. A chegada de Marián ao proxecto hai catro anos como CEO de GS 360 foi clave, e aí o proxecto tomou outra dimensión e colocou ao Celta noutra esfera.
—Cal é o xénese de GS 360?
—Traballouse moito no proxecto, viaxamos moito, visitamos á totalidade dos proxectos deportivos, non só cidades deportivas de fútbol, senón outros, como o da Rafa Nadal Academy, onde podía haber algo que nos axudase a formar a idea. Foi moi intenso o traballo durante eses dous anos, cunha dedicación case exclusiva para o proxecto, porque considerabamos que era importante botar todo ese tempo para conformar a idea, que fose moi sólida e que fose validada por socios como CBRE.
—Que lle vén á cabeza cando se fala do Celta dos próximos 100 anos?
—Que sexa un Celta moi robusto, forte como sociedade anónima deportiva e con toda a masa social que hoxe ten multiplicada por moito. Este proxecto coloca noutra esfera ao club, sen dúbida algunha. Vai ser o proxecto por excelencia en España, seguro; hai outro que é o do Atlético, pero está moi dedicado ao ocio. Como este proxecto, con estes conceptos, non hai outro, este é pioneiro.
—Cal sería o proxecto máis parecido que hai en Europa?
—Non atopo ningún similar, nin no mundo. É diferente polo mix de contidos que ten no mesmo ámbito. Por exemplo, o City ten unha inmensa cidade deportiva, pero o ocio sácao fóra, e a parte formativa tamén. Que todo estea concentrado e cunhas verticais moi claras só pasa aquí.
—Que culpa ten a presidenta Marián Mouriño de todo isto?
—Moita. O que tivo o proxecto na cabeza dende un principio e nos seus piares básicos foi Carlos Mouriño; sen el, isto non estaría, seguro. Pero todo proxecto necesita momentos de impulsión. A chegada de Marián ao club antes da súa presidencia para min é fundamental. Nesta última fase, como presidenta, seguiu apostando e dando confianza ao proxecto porque ela cree nel. Soubo aliñalo co seu proxecto estratéxico, que ten como máxima que sexa apoiado por todo o mundo.
—Como foi a negociación con Tameiga e cando ven que teñen posibilidade de acadar un acordo?
—Como todo, houbo un momento no que se daba todo para sentarse de novo e buscar un fin común. Estar ben coa comunidade era unha parte do proxecto estratéxico de Marián e entendiamos que non podíamos emprender un proxecto desta envergadura cunha manifestación todos os días nas nosas portas. Hai que agradecerlle a eles o esforzo de sentar. Como é un acordo, as dúas partes tivemos que ceder.
—Non se puideron acurtar os prazos?
—Penso que non. Os tempos que nos levaron á data final son os tempos urbanísticos, facer urbanismo é moi complexo e hai que estar agradecidos ao que pilotou este proxecto, que foi a Xunta, pero interviñeron todas as administracións posibles excepto Costas.
«Chegar ao Celta hai dez anos foi o meu gran proxecto de vida»
A nivel persoal, o executivo do Celta non esconde que está ante o gran reto da súa vida, non só o proxecto en si, sobre todo, poder exercer no club ao que segue dende neno.
—A nivel persoal, este proxecto é o seu gran reto de vida?
—Chegar ao Celta hai dez anos é o meu gran reto de vida, non o proxecto en si. Son un neno de berce celeste, ao que o seu pai o leva a Balaídos... Logo, fas unha enxeñería, xogas ao fútbol en categorías inferiores, amas este deporte e ao Celta, e chegas e tes a sorte de ver crecer o estadio, a afección... e poder poñer o teu grao de area. Claro que todo iso fai que isto sexa un proxecto de vida. Ademais, neste caso, estou traballando nunha parte profesional que me entusiasma.
—Supoño que isto non ten nada que ver cunha empresa ao uso das que estivo antes.
—Para nada, porque hai un factor fundamental, que é o sentimental. Aquí, calquera cousa, para ben ou para mal, magnifícase. Non ten nada que ver con outra sociedade, pero á vez ten moitas similitudes, porque é unha SAD que ten os seus balances, ingresos, custes, empregados....
—Canto ten que ver o que pasa no verde para alguén que non depende directamente do verde?
—Moitísimo, o sentimental e o anímico. Hai un punto que logrou Marián que é esa conexión coas administracións e co entorno, e iso é fundamental para que o club vaia ben, non só na parte deportiva. Cando o club está ben e ten unha dinámica moi boa, axuda a facer calquera tipo de negociación.
«Imos ter un estadio cuns fondos marabillosos, Río reformada e Tribuna un pouco cativa»
O proxecto GS 360 é o gran desvelo de Carlos Cao, pero non o único. As obras de Balaídos tamén forman parte do seu día a día. Ve que a reforma de Gol vai como un tiro e pensa que unha vez rematada a remodelación, a grada de Tribuna, a principal, quedará un pouco pequena nun estadio que agora reúne todas as necesidades e que o Celta desfrutará polos próximos 50 anos cando se asine o novo convenio.
—Como vai a obra de Gol?
—Polo que nos transmiten tanto Copasa como o Concello, vai nos prazos axeitados, e de momento, non se chegou á parte de cimentación, onde poden aparecer sempre cousas raras ou conflitivas. A obra vai lanzadísima e desexando que a teñamos canto antes. Hai unha diferenza moi grande coas outras actuacións, que hai unha gran cordialidade entre as dúas institucións. Iso vai ir en favor dos prazos das obras e confiamos en que van ser capaces de recortar os prazos.
—Hai algunha intervención pendente en Balaídos?
—É algo que debe contestar o Concello, pero é indubidable que queda unha bancada un pouco coxa. Imos ter un estadio con dous fondos marabillosos, coa grada de Río reformada, e a Tribuna vai quedar cativa, cando é o espazo principal. Imos ver como queda a parte do Mundial, se se fai esa reforma ou non.
—Haberá algún cambio nas outras dependencias?
—A idea é recolocar a tenda para a zona de abonados en Marcador e do resto dos contidos, unha vez que teñamos o espazo da grada de Gol, ver como aproveitamos eses espazos no marco da concesión que estamos terminando de pechar co Concello e que nos posibilita a explotación do estadio para o futuro.
—Os concertos están descartados para este verán?
—Para este ano, pero no futuro haberá concertos e imos explotar o estadio porque necesitamos eses ingresos extraordinarios. O estadio está quedando perfectamente practicable en uso para facer os concertos e temos que darlle ao celtismo a posibilidade de ter ocio, cultura e música alí, en Balaídos. Este ano déronse moitas cousas en contra, pero o ano que vén, seguro.
—Está prevista algunha actuación no campo a final de tempada?
—Volver sementar. O campo respondeu mellor do que pensabamos pese a ser o único club de primeira onde o primeiro equipo e o seu filial comparten campo. Usalo todas as semanas está moi ben para todos, menos para o estado de céspede.