
A máis que probable ausencia de Marcos Alonso deixa un escenario moi aberto para o flanco esquerdo do Celta no Bernabéu
14 ene 2025 . Actualizado á 05:00 h.A máis que probable ausencia de Marcos Alonso, cuxas probas médicas deben coñecerse ao longo do día de hoxe, deixa un escenario moi aberto para o flanco esquerdo do Celta para a cita ante o Real Madrid do Bernabéu, tanto para a posición de central como de carrilero. Para mitigalo, Mihailo Ristic recibiu a alta médica no día de onte e Claudio Giráldez chamou a Tincho Conde para adestrar co primeiro equipo. Tamén está no aire o estado físico de Franco Cervi, que case xogou máis en dous partidos en cinco días que no resto da tempada.
Mihailo Ristic levaba parado desde o pasado 14 de decembro pola súa enésima lesión desde que chegou a Vigo, neste caso, unha rotura fibrilar grao I do semimembranoso da coxa dereita. O serbio recibiu a alta médica tras o adestramento, o que lle abre as portas para xogar en Madrid, pero falta por ver cal é o seu momento físico despois de tanto tempo e inactividade. O seu técnico sempre comentou que había que medir moito os tempos e os esforzos co balcánico, pero neste caso o ex do Benfica podería cubrir dous perfís que nestes momentos están no aire: o central esquerdo e en carril esquerdo.
O ourensán Tincho Conde, o xogador máis polivalente do filial na actualidade, tamén podería xogar como carrilero pola esquerda, de feito, esa é a súa posición máis natural, e quizais con ese motivo adestrou este luns co primeiro equipo e en función dos acontecementos, podería formar parte da convocatoria. Fredi Álvarez, o adestrador da Celta Fortuna, foi preguntado por ese aspecto, pero o moañés tirou de manual na resposta: «Oxalá o leve, e a Yoel (Lago), a todos os posibles tendo en conta as licenzas».
Fer López é outro xogador habitual no filial que podería entrar na lista, pero o mediapunta segue traballando á marxe do grupo e onte fíxoo acompañado de Cervi, que se está dispoñible, é moi probable que poida ter minutos ante o Real Madrid xa sexa saíndo de inicio ou desde o banco. Por outra banda, hoxe debe coñecerse o alcance das lesións de Marcos Alonso e Alfon González, dúas baixas de consideración dado o nivel que estaban a exhibir.