
A ecogradía confirma a lesión muscular do defensa serbio, que vive un auténtico calvario de continuas lesións
18 dic 2024 . Actualizado á 13:54 h.O futbolista Mihailo Ristic sofre unha rotura fibrilar de grao I no semimembranoso da coxa dereita, segundo confirmou o club este mércores, sen especificar o tempo de baixa, aínda que parece seguro que non poderá reaparecer ata despois do parón do Nadal. Así o revelou a ecografía á que foi sometido o xogador nas últimas horas.
O internacional serbio tivo que deixar o partido do pasado sábado no Sánchez Pizjuán cando apenas habían trasncurrido dez minutos desde que saltara ao campo. O primeiro diagnóstico foi unha lesión muscular pendente de probas cuxos resultados se deron a coñecer este martes. En rolda de prensa, o seu técnico, Claudio Giráldez, lamentaba este novo infortunio, destacando que chegaba nun momento no que o defensa estaba a coller a forma e traballando ben no día a día.
As lesións foron unha constante desde a chegada ao Celta de Ristic, que xa estivera parado moito tempo por problemas físicos no seu anterior club, o Benfica. Xa este curso, lesionouse no primeiro amigable de pretemporada e, aínda que estaba dispoñible para a estrea ligueira ante o Alavés, resentiuse no quecemento e o que parecía unha lesión que non revestía gravidade supúxolle estar parado ata finais de outubro.
A súa reaparición foi en Copa, fronte ao San pedro completando os 90 minutos, e Giráldez apostou por el como titular para as dúas seguintes xornadas de liga, sumando 67 minutos ante o Xetafe e a primeira parte ante o Betis. Pasou case un mes parado ata volver completar o segundo cruzamento de Copa, fronte ao Salamanca, e despois veu a lesión fronte ao Sevilla.
Ens ou primeira tempada en Vigo, sumou 807 minutos en doce partidos de Primeira, nove como titular. En sete ocasións estivo no banco sen xogar e o resto de xornadas de liga non estivo dispoñible. O actual é o seu sétimo paso polo parte médico desde que é futbolista celeste.