O Celta anuncia o traspaso de José Fontán ao Arouca

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

Xoán Carlos Gil

O canteirán, chegado en idade alevín e cun ano máis de contrato, estivera cedido noutros clubs as dúas últimas campañas

03 jul 2024 . Actualizado á 10:19 h.

O Celta anunciou este mércores un acordo con FC Arouca para o traspaso do defensa José Fontán. O canteirán, que militaba cedido no Cartaxena -onde tivo un gran protagonismo-, e que a anterior campaña estivera a préstamo no Go Ahead Eagles, da Eredivisie, pecha a súa etapa no club vigués tras máis de 3.500 minutos defendendo o escudo celeste, lembra a entidade nun comunicado.

O club sinala que o canteirán, cunha ampla traxectoria na canteira celeste, «inicia unha nova etapa deportiva na máxima categoría do fútbol portugués». «O RC Celta quere agradecerlle a súa implicación e dedicación e desexarlle moita sorte nos seus novos retos profesionais. Grazas, Fontán!», engaden.

Jose Fontán (Vilagarcía de Arousa, 2000) chegou ao Celta onda o seu irmán xemelgo, Javi, 2011, sendo alevín; o seu primeiro adestramento co primeiro equipo foi xa na época de Eduardo Berizzo. Debutou co Celta B no 2018 e acadou a trintena de encontros co filial en Segunda División B. 

 O seu debut en Primeira foi fronte ao Barcelona o 1 de outubro do 2020, con Óscar García Junyent, nun partido no que se tivo que retirar lesionado, pero interveu noutros trece ese curso. En total, suma 939 minutos en 23 encontros na máxima categoría e a súa última participación foi fronte ao Valencia en Mestalla o 21 de maio do 2022; este pasa a ser o seu último compromiso oficial como céltico.