Swedberg, un xogador que chama a atención

José Luis Mosquera VIGO

BANCADA DE RÍO

Xoan Carlos Gil

Williot ten a etiqueta de revulsivo, pero o seguinte paso debe ser loitar pola titularidade

12 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Williot Swedberg ten a etiqueta de revulsivo. De xogador que cambia os partidos, porque ten unha media de goles, en relación aos minutos que xoga, bastante boa. O que demostran este tipo de futbolistas é que teñen unha gran capacidade de resistencia, porque é capaz de non gozar de minutos e cando contan con el, funciona e iso é algo moi loable. É un perfil de xogador que a min chama a atención e creo que o Celta non debería ter dúbidas acerca da súa continuidade, pois está chamado a ser unha peza importante.

O seguinte paso debe ser tratar de ser titular, pero o problema é que ten a xente moi importante por diante, como Iago Aspas e Larsen, que fixo unha tempada moi notable en canto a goles, e o reto do sueco agora é dar o mesmo rendemento saíndo de cara que facéndoo desde o banco. Non pode ser o revulsivo eterno, senón que chega un momento no que terá que dar outro paso cara adiante e quererá xogar máis tempo.

Williot demostrou ser un xogador que acepta os desafíos. Non o tivo doado na súa chegada e rebelouse contra unha situación nada favorable, pero non se rendeu, o que significa que responde a ese tipo de xogador que mellora a base de insistencia.

A súa gran virtude foi saber aproveitar as oportunidades, mentres que hai outro tipo de futbolistas aos que non lle gusta xogar eses minutos chamados do lixo. Sempre que foi chamado, respondeu. Os seus números non pasaron desapercibidos, por algo lle chamou a selección sueca absoluta, coa que acaba de debutar.