Swedberg, exemplo de rendibilidade

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

Xoán Carlos Gil

Williot, que foi titular por primeira vez dous anos despois de chegar ao Celta e que marca cada 47 minutos, anotou por cuarta vez este curso

21 abr 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Williot Swedberg xogou o seu primeiro partido como titular 20 meses despois de chegar ao Celta. O sueco foi a primeira fichaxe de Luís Campos, o asesor deportivo a distancia que xa é historia, e aínda que puido saír en múltiples ocasións, os técnicos da casa sempre viron nel algo diferente e a estatística parece darlle a razón. Iso si, tivo que agardar polo seu cuarto adestrador para saír de cara nun partido vestido de celeste.

Williot, nacido no ano 2004, só disputou 54 minutos o curso pasado repartidos en catro partidos. Esta tempada o seu rol cambiou, pero tampouco tanto, porque en realidade a de onte foi a súa undécima comparecencia da tempada en 32 xornadas. Sumaba 125 minutos de xogo e ante o As Palmas bateu a súa marca nun partido ao estar 65 minutos no campo. O curioso é que a pesar de a súa raquítica participación xa sumaba tres, o que unido ao conseguido onte fai que o sueco teña unha media dun tanto case 47 minutos, seguramente a mellor de todo o fútbol español.

Ademais, todos os seus goles serviron para sumar. O seu tanto de Almería foi o 2-3 e o triunfo, ante o Betis asinou a remontada no 96, en Cádiz marcou o segundo (2-2) e ante o As Palmas asinou o 2-1, o tanto da remontada e o que lle abría as portas ao triunfo do conxunto vigués.

Swedberg foi a gran sorpresa do once de Claudio Giráldez ante o equipo de García Pimienta. Meteuno no campo no sitio de Bamba, o fichaxe estrela do verán, actuando por detrás de Larsen e a par de Aspas. Fíxoo cunha misión clara: que buscase o desmarque ás costas dos defensas do As Palmas unha e outra vez, e así o fixo na hora longa que estivo no campo. Nun dos seus movementos, Aspas viu o espazo, deulle unha asistencia magnífica e o sueco resolvió con frialdade no un contra un con Álvaro Valles para marcar un tanto clave antes do descanso. Na segunda metade seguiuno intentando e probou fortuna nunha segunda ocasión, aínda que non puido asinar o dobrete.

O gol, a súa calidade e o seu espírito de traballo, pode ser claves para que aos poucos vaia aumentando o seu protagonismo no Celta. Polo momento xa derrubou unha porta que parecía infranqueable: ser titular. Tivo que ser con Claudio Giráldez, un técnico ao que non lle treme o pulso e que destacou del na rolda de prensa posterior ao partido a súa intelixencia e que lle parece un futbolista completo e que está a traballar ben. Cre que «este partido encaixáballe, eses saltos desde segunda liña de presión e xogar ao espazo».