O plan alternativo de Morriña Celeste para o Real Madrid-Celta tras renunciar ao Bernabéu

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

CEDIDA

A pena de Madrid non estará no estadio por considerar abusivo o prezo de 75 euros por entrada

08 mar 2024 . Actualizado á 14:45 h.

A pena celtista de Madrid Morriña Celeste non estará este domingo no Bernabéu. É unha decisión moi meditada que lles supón renunciar a unha das poucas ocasións que teñen de ver ao Celta na cidade onde está radicada a pena, pero non titubearon á hora de tomala. «Estando xuntos vendo o partido do Barcelona, que xa saíra o horario deste, falamos sobre como nos organizariamos para ir e alguén comentou de que a ver que prezo puñan. Pero non imaxinabamos estes -75 euros- e tivémolo claro», di o seu membro Iago Fernández.

Conscientes de que o conxunto branco non se adheriu ao acordo das entradas a 30 euros nas bancadas visitantes, estas tarifas colleron por sorpresa e considéranas prohibitivas para moitos. «Hai xente que, economicamente, non pode, e outros que teñen máis sorte e a súa situación laboral si llo permite, pero estaban de acordo en que era demasiado», valora. Haberá dous morriños: un pai e un fillo pequeno que si optaron por ir.

Será a primeira vez que Morriña no seu conxunto falte á cita neste estadio, algo que si fixeron co Metropolitano pola súa desconformidade coa rede da bancada visitante do estadio do Atlético, que mingua de forma notable a visibilidade. «No Bernabéu, outros anos eran 50 euros e xa nos parecía caro. Pero ao final, faciamos un esforzo e acababamos indo». Este ano non quixeron ceder a pagar 75. «Dá rabia, porque son catro partidos e o de Vallecas xa foi en luns e moitos non puidemos ir por cuestións laborais. Agora, quedamos sen outro dos tres restantes. Somos a pena de Madrid e só imos poder estar en dous partidos», di referíndose a unha representación multitudinaria.

Pero Morriña ten, iso si, o seu plan alternativo. Reuniranse para ver o partido na súa sede, Tapa Bar (San Bernardo, 97), onde teñen un acordo para adquirir cervexas máis baratas para aqueles que acudan a ver o equipo vigués, detalla Iago. «A idea é que todo o mundo que vén desde Vigo pásense antes para facer connosco a previa. Recomendámoslles que se acheguen ao estadio sobre as cinco e aí poden ir a Lizarrán, onde adoitabamos facer as previas no Bernabéu».

Iago Fernández lamenta que sexa opcional para os clubs adherirse ao acordo dos 30 euros da afección visitante, o que permite ao Madrid establecer estes prezos. «Podes ver moi poucas veces ao Celta por estar lonxe e amólancho. E tamén os que organizan viaxes para vir. Gustaríame que a liga lles obrigase», pide.