Ristic foi substituído por lesión no Vilarreal-Celta, do mesmo xeito que Starfelt

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

Eloy Marti Fonollosa - LOF

O club vigués informa do estado de ambos os defensas; os problemas físicos do sueco antes do descanso foran evidentes

21 dic 2023 . Actualizado á 17:40 h.

O partido de Vilarreal deixou malas noticias para o Celta á parte do resultado. En concreto, o parte médico do club vigués resentiuse coas lesións dos defensas Carl Starfelt e Mihailo Ristic; a do sueco foi evidente, pois a duras penas puido aguantar os últimos segundos da primeira parte no campo despois de facerse dano, pero o cambio do serbio, tamén ao descanso, parecía por decisión técnica e agora transcende que tamén foi por problemas físicos.

O lateral esquerdo, que encadeaba dúas titularidades unha vez superada a anterior lesión, ten molestias no bíceps femoral dereito, sen que por agora se detallen o diagnóstico nin o tempo de baixa. No mes de outubro, coincidindo co parón, o xogador sufrira unha escordadura no ligamento colateral medial do xeonllo que, a pesar de ter carácter leve, fíxolle perderse catro partidos.

O central pola súa banda, ten unha lesión nos isquiotibiais internos da coxa dereita sobre a que tampouco se dá máis información polo momento.. NO Madrigal, volvía á titularidade despois de ser baixa de última hora ante o Granada por unha gripe o pasado sábado. Ata ese día, fora sempre titular desde o seu debut. Ambos están pendentes de someterse a probas adicionais para determinar o alcance das respectivas lesións.