«No vestiario estabamos convencidos de gañar»

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

Sergio Álvarez recomenda paciencia a un Celta ao que ve cargado de similitudes co da campaña en que o equipo que dirixía Berizzo estivo dez xornadas sen gañar

03 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Sergio Álvarez defendía a portería do Celta o día que o equipo puxo fin a unha serie de dez partidos sen gañar na tempada 14/15. O de Catoira lembra os días previos ao cruzamento co Córdoba: «Eran días diferentes porque notabas que o ambiente era un pouco estraño. Ao final, levas 10 partidos sen gañar e queres facelo. O que tamén tiñamos claro dentro era que estabamos a facer as cousas ben para gañar e o vestiario estaba convencido de que íamos conseguilo. Logo, hai moitas circunstancias que non podes controlar como o que pasou aquel día, pero ao final, acadamos esa vitoria».

Porque Sergio é dos que pensa que o Celta fixo moitas cousas ben para gañar. «Este Celta leva seis ou sete partidos competindo e dando a sensación de que podía gañar calquera partido. Nese aspecto, tamén nos pasaba algo parecido a nós», indica antes de lembrar: «Dos dez que non gañamos, creo que só houbo un no que non estivemos á altura e do resto, calquera deles se puido gañar. Isto ten similitudes e agardo que se resolva o luns do mesmo xeito que daquela». Pensa que o equipo actual está transmitindo unha idea clara de xogo. «Non teño dúbidas con este equipo», sentenza Sergio Álvarez.

Ao Celta actual veo convencido de sacar o partido e reverter a situación: «O Celta está concienciado de que ten que gañar, de que esta facendo as cousas ben e que esa primeira vitoria en Balaídos ten que chegar. Estamos todos moi concienciados de que ten que ser o luns, dada a importancia que ten, o partido e creo que o van conseguir». Pensa que contar cunha semana longa para preparar a conciencia a contenda pode axudar.

O que foi porteiro celeste prevé un Cádiz «que intente facer o partido moi longo para que o Celta perda a paciencia. Hai que insistir en ser pacientes, porque este tipo de partidos son moi longos e pódense gañar en calquera momento».