00031699520837897160492

Rafa Benítez: «Contra vento e marea, imos seguir pelexando»

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

PACO LONGO - LOF

O adestrador do Celta , que ten a seis xogadores tocados, destaca as ganas do seu equipo de «facelo ben» ante o Athletic deixando á marxe as polémicas arbitrais

09 novs 2023 . Actualizado ás 11:30 h.

O Celta tivo «algúns contratempos» nesta semana de preparación da visita ao Athletic Club. O seu adestrador, Rafa Benítez, falou de seis futbolistas con diferentes problemas físicos: Tasos Douvikas sufriu problemas estomacais, mentres que os xogadores Luca da Torre, Kevin Vázquez, Franco Cervi e Carles Pérez están «entre algodóns», polo que chanceou con que se van quedar sen algodóns. Sobre Mihailo Ristic, sinalou que «ten unha molestia que queda aí. Cando fai un golpeo específico, dóelle. É unha molestia residual, ten que ir acostumándose a soportala e irá desaparecendo», sinalou.

A pesar destes inconvenientes, Benítez utilizou en varias ocasións o slogan do equipo no partido pasado para expresar como se atopa o equipo. «Contra vento e marea imos seguir pelexando. O equipo está con esas ganas de facelo ben», asegura. E intenta que o equipo se centre no que depende deles, deixando en segundo plano o tema arbitral do que tanto se falou nas últimas semanas: «Temos claro que temos que ser nós os que aos poucos cambiemos as cousas. O que depende de nós é preparar ben os partidos, que os xogadores manteñan a confianza e a motivación ata o final: se encaixamos un gol, se o metemos...».

O técnico parte da base de que hai cuestións nas que poden influír e outras que non están nas súas mans e que non cre que lles vaian a descentrar. «Podemos influír en cousas como preparar os partidos e adestrar ben, manter a competitividade; outras cousas non dependen de nós. Incidimos nas que si. Os xogadores téñeno claro, logo, quéntasche máis ou menos nos momentos dos partidos». Sobre o silencio do club, é partidario de «ter unha idea común e seguila, non gastar enerxía aí».

A premisa agora é «centrarse no futbolístico», e cre que se conseguen resultados, serviralles para «estar fortes e unidos, contra vento e marea», repetiu. Tamén deixou claro que único que reclaman ao estamento arbitral é que «as cousas sexan iguais e normais para todos». E aínda que entende as preguntas respecto diso, argumenta que «o camiño ten que ser estar xuntos, seguir una mesma liña» e se son «capaces de axuntar os esforzos de todos na mesma dirección», serán «máis fortes e competitivos».

Non respondeu de xeito directo á pregunta de como viviron a posibilidade da sanción de Iago Aspas e que foron sabendo respecto diso. «O que sabemos é que está dispoñible e temos que sacar rendemento aos que temos. Perdemos a Tapia, pero Iago está e hai que sacarlle rendemento. É bo ter á maioría dos xogadores a disposición se é posible». Respecto ao peruano, comentou «o primeiro que sabe que cometeu un erro é el (Tapia). Ten que servir para aprender e que non se repita». Espera que sirva de exemplo para os seus compañeiros.

En canto ao Athletic Club, cualifícao como «un gran equipo», lembrando que, como xa comentou noutras comparecencias, «a liga agora caracterízase por grupos e adestradores que levan anos xuntos, con sentimento de grupo máis unido. Teñen iso, velocidade, agresividade, público que empurra moito». «Sabemos desa dificultade, hai que estar atentos os 90 minutos, pero sobre todo ao comezo e ao final», especificou. En canto a eles, agregou: «As nosas características físicas son as que son, pero o esforzo, o traballo, a intensidade están aí. Creamos moitas ocasións. Non se poden cuestionar unha serie de principios e valores que o equipo ten; faltan outras cousas».

A falta de puntería considéraa Benítez unha cuestión de traballo e de confianza. «A Iago veslle finalizar e é un espectáculo. Con todo, non está a meter gol. O día que o meta, estará feliz e meterá máis, seguro. Con Williot (Swedberg), con Tasos, con Larsen, traballamos cousas específicas, pero non é o mesmo a simulación do adestramento que a situación real». Aproveitou para dicir que tamén ten que ser importante nesta faceta a achega da segunda liña.

En canto a se os seus cambios no once están a ser para buscar alternativas ou para manter a todos enchufados, comenta: «Cambiamos a liña de cinco sobre a marcha despois de empezar con catro. Encaixabamos e intentamos axustar. Cos xogadores é o mesmo. Hai que seguir dándolle voltas». Pero debe ser progresivo: «Cando cambias todo, se cadra sáeche, pero pode ser un desastre. Cambiamos cousas para atopar o equilibrio, aproveitar as ocasións e ser sólidos en defensa. Os cambios ás veces son necesarios, pero neste caso, convencidos para ver se atopamos a fórmula ideal».

Valora, ademais, que «cada vez o equipo se axuda máis para compensar os erros». «Iso sempre me fai ser optimista para o futuro. Imos crecendo nalgunhas cousas, vese claramente. O equipo mantén a chegada e está a ser lago máis sólido en fase defensiva».