Un momento estraño e difícil de explicar, pero bonito de vivir

Patxi Salinas

BANCADA DE RÍO

BENITO ORDÓÑEZ

Unai Núñez regresa por primeira vez a San Mamés co Celta como lle pasou a Patxi Salinas hai 30 anos

17 may 2023 . Actualizado á 19:54 h.

Acórdome perfectamente da primeira vez que me enfrontei ao Athletic Club co Celta en San Mamés despois de rematar a miña etapa alí e imaxínome que será parecido ao que agora lle toca vivir a Unai Núñez este sábado. Foi un día moi especial para min, un partido emotivo, diferente e incomparable a todos os que xogara co Celta ata ese momento —foi na xornada 23, en febreiro de 1993—.

Sentía que volvía á miña casa, supuña reencontrarme coa miña familia, cos meus amigos de sempre, volver ver á xente que sempre me aplaudira e estivera comigo, pero no que agora era o equipo rival. De súpeto, veste en fronte, e é unha sensación rara, estraña, distinta a calquera outra e tremendamente atípica. Non ten nada que ver co que viviches ata ese momento e costa imaxinarte como vai ser.

No meu caso, xa os días antes, fora unha semana con moito ruído, chámache a prensa, os amigos. Os do colexio de sempre chancean con que te tes que deixar gañar, que ti es do Athletic. Pero por outra banda, ti es un profesional e estás superconcentrado, tendo presente que fichaches por un equipo e tes que facelo o mellor posible.

Aquel partido saíume moi ben, de feito gañamos con 0-1 cun gol de Vlado Gudelj e era a primeira vez na historia que o Celta gañaba en San Mamés. Nese sentido, foi francamente bo para o club. No persoal, ademais, tiven a sorte de que tanto ao comezo do quecemento como cando dixeron o meu nome nas aliñacións, a xente aplaudiume moito, recibíronme moi ben e sentinme como na casa. Foi un momento moi especial e emotivo para min que gardo con moito cariño.

Imaxínome que Unai vai sentir esta fin de semana algo parecido ao que sentín eu. É moi complicado explicalo con palabras, poder expresar o que sentiches. É un momento bonito para vivilo, sobre todo cando te reciben cos brazo abertos. Se a acollida fose outra, xa sería diferente, pero para min foi unha volta fantástica.