Un tumulto final afeou un partido sen incidencias

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

MANU GÓMEZ - LOF

A agresión a Iago Aspas desencadeou o boureo xa no desconto; foron expulsados o preparador de porteiros do Celta, Nando Villa, e o seu homólogo rival

05 feb 2023 . Actualizado á 05:00 h.

O lance que se produciu no desconto do partido entre Celta e Betis, coa agresión a Iago Aspas, a posterior expulsión e a lea entre os dous bancos afeou un encontro que non tivera ningún incidente ata ese momento.

Todo comezou cando Aspas, no minuto 95, protexeu un balón no seu intento de que o rival non sacase rápido. Por detrás chegou o central Luiz Felipe coa intención de arrebatarlle o esférico e sacar rápido, pero Iago foise enseguida ao chan e o colexiado ensinoulle a vermello ao defensor verdibranco por unha presunta agresión. A asistente estaba ao lado da xogada.

A acta reflicte que o futbolisa do Betis foi expulsado por «golpear coa súa man no peito dun adversario de xeito violento cando o balón non estaba en xogo. O xogador que recibiu dito golpe tivo que ser atendido, podendo continuar con normalidade o partido», en referencia ao moañés.

Acto seguido houbo un encontrón entre os dous bancos e Do Cerro Grande expulsou a Toni Dobras, preparador de porteiros do corpo técnico de Pellegrini, por «saír da súa área técnica e entrar á área técnica visitante participando de xeito activo nunha confrontación masiva, encarándose con diversos membros do corpo técnico e xogadores do equipo adversario».

Do mesmo xeito, viu a vermello o seu homólogo do Celta, Nando Villa, practicamente polo mesmo motivo: foi expulsado polo seguinte motivo: «Participar de xeito activo desde a súa área técnica nunha confrontación masiva, encarándose con diversos membros do corpo técnico e xogadores do equipo adversario».

O técnico bético criticou duramente en sala de prensa tras o encontro a actitude de Iago Aspas por considerar que finxiu na acción que custou a expulsión ao seu xogador.