Brais Méndez: «A situación de Denis é complicada de xestionar tamén para os compañeiros»

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

GERARD FRANCO - LOF

O excéltico, feliz na Real Sociedade, recoñece que non foi doado tomar a decisión de deixar Vigo

18 ago 2022 . Actualizado á 17:08 h.

O canteirán do Celta e actual xogador da Real Sociedade Brais Méndez mantivo unha charla con Gerard Romero na súa canle de Twitch onde falou da súa marcha de Vigo e doutros aspectos como a situación que vive Denis Suárez no conxunto vigués. O mosense asegura que a operación para a súa marcha a Donosti foi «moi rápida». «En vacacións quería desconectar, estar á marxe de todo e, se pasaba calquera cousa, decatarme cando tivese que incorporarme», sinala.

Lembra que se deu todo xusto antes de ter que incorporarse á pretemporada co Celta e que, de feito, chegou a realizar as probas médicas. Á pregunta de se lle custou, admite que así foi: «É unha decisión difícil. É a miña casa, levaba dez anos entre canteira e primeiro equipo, pero creo que tanto o club como eu tomamos unha decisión que creo que era acertada para todas as partes e estou moi contento», indica.

Romero pregúntalle pola situación de Denis Suárez, que Méndez cualifica de «complicada» tanto para el como para o resto do vestiario. «É complicado xestionalo no día a día tamén para os compañeiros. É un amigo que ves que está nunha situación delicada. Creo que o mellor sería que sentasen, falasen e solucionáseno do mellor xeito para todas as partes». No entanto, o canteirán é realista e reitera que é «complicado» que se poida solucionar.