Brais Méndez romperá o teito da venda dun canteirán no Celta

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

Antonio L. Juárez

O seu traspaso por 15 millóns superará os 10,8 do Liverpool por Iago Aspas

05 jul 2022 . Actualizado á 05:05 h.

Brais Méndez está a piques de facer saltar a banca da venda dun canteirán do Celta. Ata a data, o tope da factoría da Madroa eran os 10,8 millóns de euros que no verán do 2014 pagou o Liverpool por levar a Iago Aspas, seguido moi de preto polos 10 que se deixou o Valencia en Vigo por levar a Santi Mina cara a Mestalla un ano despois. Os tres deixan moi atrás os seis millóns de euros que en 1999 (cando o mundo era en pesetas) pagara o Real Madrid por Míchel Salgado, pero o mosense pode deixar en caixa 15.

A venda do lateral foi durante máis dunha década a máis grande dun xogador de casa. A día de hoxe, cando se confirme a saída do mosense, pasará a ser a quinta, porque entre o podio e o dAs Neves aparece Jonny Otto, que deixou en caixa sete millóns na estraña operación que o levou primeiro ao Atlético de Madrid e despois ao Wolverhampton.

Pero o traspaso de Brais ao conxunto txuri-urdin tamén se converterá no terceiro (en diñeiro) dun xogador do Celta, tan só por detrás dos 20 que pagou o Nápoles por Lobotka e dos 18 que deixou Nolito en caixa cando se foi ao Manchester City. Por detrás do mosense aparecería Maxi Gómez con 14,5, pero nesta operación hai que ter en conta que o Valencia meteu a Santi Mina e a cesión de Jorge Sáenz, dous aspectos que non se computaron en diñeiro.

A operación de Brais Méndez será computada no exercicio 2022/2023, xa que o anterior foi pechado ao 30 de xuño cun balance aínda por concretar, aínda que todo apunta que será positivo, en parte porque a saída de Néstor Araujo por tres millóns de euros concretouse antes do peche económico do curso pasado. A venda do mosense rompe dous veráns de seca sen apenas movementos económicos por mor da pandemia. O verán pasado, os vigueses apenas recadaron 1,8 millóns da compra obrigatoria de Álvaro Vadillo que tivo que realizar o Espanyol polo seu ascenso.

A saída de Brais só está pendente de oficialización e nestes momentos o Celta só se ten a cinco (ou catro) canteiráns no primeiro equipo para a próxima tempada: Rubén Blanco, Iván Villar, Hugo Mallo, Kevin Vázquez e Iago Aspas. A eles, e con ficha do filial, poderían unírselles outros tres: Carlos Domínguez, Gabri Veiga e Miguel Rodríguez, que volveu á dinámica do primeiro equipo.