Iván Villar deixa a portería a cero no seu debut en Segunda co Leganés

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

CD LEGANÉS

Tras cinco partidos como suplente, o xogador cedido polo Celta no conxunto pepinero relevou a Asier Risco

19 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras cinco xornadas no banco, Asier Garitano apostou onte por Iván Villar en detrimento de Asier Risco na portería do Leganés. Os pepineros recibían en Butarque ao Amorebieta nun partido no que se impuxeron os locais e o cangués conseguiu manter a meta a cero (1-0). Era o primeiro triunfo do equipo, que ata agora levaba tres derrotas e dous empates, un deles, a única vez anterior en que non encaixaran.

Villar saíu este verán cedido ao conxunto madrileño tras a chegada de Matías Dituro ao equipo, que se produciu cando o canteirán estaba coa selección olímpica disputando os Xogos de Tokio, nos que se colgou a prata. O de onte foi o seu debut na categoría e chegou despois de ter disputado 26 partidos en Primeira, todos eles co Celta .

Ao mesmo tempo, é a segunda vez que sae do club vigués como cedido, pero na ocasión anterior, no Levante na máxima categoría na tempada 2017/2018, non tivo sequera a oportunidade de disputar un só minuto.