A pretemporada do Celta redúcese a dous partidos coa suspensión da visita ao Bayer

a voz VIGO

BANCADA DE RÍO

RC CELTA

Os vigueses tratan de atopar rival para o sábado

28 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Celta disputará menos amigables que nunca nunha pretemporada. Se cos tres programados para este verán xa igualaba a atípica preparación do curso pasado, na que disputou outros tres, agora acaba de quedar sen o que debería disputar o sábado en Alemaña ante o Bayern Leverkusen, xa que o sexto clasificado da Bundesliga anunciou a suspensión da contenda por cuestións sanitarias. Polo momento o Celta non ten ningunha alternativa para poder xogar o sábado como tiña previsto.

O conxunto alemán foi o primeiro en anunciar a suspensión apuntando a casos de covid no cadro de persoal céltico (nestes momentos non existe ningún, aínda que varios xogadores pasaron a enfermidade recentemente). «Nos últimos días houbo casos positivos de coronavirus no club da Primeira División española, polo que a dirección do club decidiu con pouca antelación non viaxar», apuntan desde Alemaña.

Pola súa banda, o Celta , limitouse a informar da suspensión dun modo conciso. «A pretemporada do RC Celta sofre unha variación de última hora. Por mor das restricións sanitarias impostas en Alemaña, o equipo celeste non disputará finalmente o partido ante o Bayern Leverkusen previsto para o sábado 31 de xullo ás 16.00 horas». Os vigueses relacionan a suspensión coas normas anticovid que rexen en Alemaña.

Polo momento, o Celta non ten plan B para xogar o seu segundo amigable da pretemporada e, aínda que está a buscar, salvo novidade nas próximas horas, só lle restaría por disputar a próxima semana a cita ante o Wolverhampton, oito días antes de recibir ao Atlético na liga.

Dous ensaios parecen un número do todo escaso para un equipo de Primeira por moito que Coudet queira antepor o traballo de campo. O Atlético, o seu rival na estrea, anunciou onte que o seu último amigable será o domingo 8 de agosto ante o Feyenoord.