«Xogar en Balaídos cambia todo»

M. V. F. VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

Oriol Riera, que participou na última vitoria de Celta B no campo do primeiro equipo, destaca que a adaptación é difícil, pero que resulta beneficioso

01 may 2021 . Actualizado á 05:00 h.

O 3 de maio do 2009, o Celta B recibía ao Lemona en Balaídos na última vitoria do filial nese escenario. Certo é que desde entón, o segundo equipo celeste só disputou cinco encontros alí, pero nunca volveu a sumar os tres puntos. Caeu fronte a Racing de Ferrol (2010), Coruxo (2012) e Valladolid Promesas (2021) e empatou contra Somozas (2014) e Burgos (2021). Mañá, coa Cultural Leonesa en fronte, buscan enfrontar o refacho e, de paso, certificar a súa presenza no play-off de ascenso a Segundo.

Entre os protagonistas daquel duelo fronte ao Lemona no que Iago Aspas formaba parte do once celeste estaba tamén Oriol Riera, que lembra como fora o cambio de Barreiro a Balaídos. Alí disputaron tres partidos naquela tempada 2008/2009. «Os xogadores levan anos nese tipo de campos máis pequenos e pasas a un grande, incluso dos máis anchos da categoría, ou esa é a sensación que te dá», lembra o catalán.

Rememora unha sensación de cambios en aspectos craves que, de inicio, non é doado de manexar. «Adaptarte ao principio é complexo polas dimensións, por altura de liñas, espazo entre xogadores, as relacións entre uns e outros son diferentes... Leva o seu tempo», considera. Alude, así mesmo, ao factor psicolóxico. «Estás acostumado a un campo que é a túa casa, tes ata o teu sitio no vestiario e a situación é un nova, cámbiache todo», explica.

Pero Riera tampouco perde de vista o positivo do cambio, algo que considera que é común a todas as xeracións de xogadores do filial celeste. «É moi beneficioso para os mozos. O Celta é un club que por historia quere que estes rapaces cheguen ao primeiro equipo e teñan carreira nel e a decisión de xogar en Balaídos vai axudar moito a progresar para ser futbolistas profesionais», recalca. Sen esquecer o aliciente que supón para eles. «Poder tocar o ambiente profesional a través dun estadio grande é moi bo para eles. En Segundo B estás acostumado a campos de herba artificial e é positivo para a súa evolución e ir vendo ata onde podes chegar», comenta. Na súa opinión, no Celta B hai varios xogadores chamados a acadar o fútbol profesional.

En canto ao equipo, conta que tivo oportunidade de ver varios duelos e sitúao como un serio candidato a meterse no play-off. «Conservo moitos amigos na estrutura do Celta e vouno seguindo. Vexo un bloque bo, que cando empeza cos partidos a favor é un equipo practicamente asasino, que vai cara adiante sen medo a nada», aínda que lembra que ás veces se lle complican cando son «de caos, de moito balón directo e segunda xogada», algo que entende que é normal na categoría, e máis nun filial.

Como espectador, eses partidos tráenlle recordos da súa etapa como céltico. E se se trata de Barreiro, constata que o ve «moi cambiado para ben». «O céspede é o mesmo, pero agora hai butacas, cadeiras de brazos, está todo máis bonito, pintado... Cando xogaba eu alí había ata pingueiras na tribuna cando chovía. Agora está todo moi diferente», precisa.

Do duelo fronte ao Lemona lembra que era «o típico equipo vasco aguerrido co que todo era balón longo, segunda xogada...». Un dos partidos que se lles «adoitan atragoar aos filiais», pero que sacaron adiante cun equipo «con varios xogadores que puideron gozar da elite».

Precedentes

Na mesma tempada do partido ante o Lemona, o Celta B xogou outros dous en Balaídos: vitoria ante o Pontevedra e derrota ante a Ponferradina. Os anteriores precedentes son cinco encontros da 2006/2007, con tres triunfos, un empate e unha derrota.