Excesivo castigo para un conxunto vigués que fixo ocasións e xogo para un resultado mellor ante un cadro colchoneiro moi efectivo

X. R. C.

O Celta puxo o xogo e as ocasións e o Atlético de Madrid o gol do triunfo. Luis Suárez aproveitou un indecisión defensiva para marcar aos cinco minutos e o resto do partido foi unha sucesión de oportunidades celestes sen premio ata que Carrasco sentenciou no 50.

Os celestes saíron fríos, tardaron cinco minutos en meterse no partido e pagárono caro, cun gol de Luis Suárez, que rematou a pracer ante a mirada dos centrais un servizo de Manu Sánchez pola esquerda.

Foi o único borrón, porque o gol lle puxo as pilas aos vigueses, que aínda cunha formulación defensiva como o 5-3-2, apropiáronse por completo do partido, movendo o balón con verticalidade e convertendo a súa banda esquerda nun desfiladeiro para Olaza e Nolito e crearon tres claras ocasións para polo menos empatar. Pero Santi Mina atopouse con Oblak nun remate de cabeza e non concretou o man a man co meta esloveno, que viu como o poste lle botaba unha man nun disparo do debutante Carreira despois dun jugadón colectivo celeste. Outro canteirán con ficha do filial como Fontán tamén o intentou cun tímido disparo que non perturbou a Oblak.

O Celta aínda dominou máis durante moitos minutos da segunda metade, pero todos os seus intentos morrían na área rival ante un Atlético que se dedicou a defender e que estivo preto do segundo nun remate de Luis Suárez e noutro de Llorente que desviou con acerto Iván Villar.

O Celta , que apagou o cansazo a medida que caían os minutos, tivo dúas ocasións claras, unha que errou Nolito por querer asistir a Santi Mina sen opción de que chegase ao balón e un remate co corpo de Fontán a saque de córner que blocó Oblak. Quen non fallou foi Carrasco a portería baleira no 50 do segundo tempo.