Jesuli: «Ao Celta fun con fame de gloria e de fútbol e gocei moitísimo»

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

Marta G. Brea

O excéltico confesa que cre que debeu xogar máis e deixa caer que non se valorou a súa achega na súa xusta medida

31 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O excéltico Jesús Mora , Jesuli, repasou a súa traxectoria mediante unha conversación a través de Instagram con José Francisco Campos. O que foi xogador do Celta durante catro tempadas (2000-2004) compartiu algúns dos seus recordos de Vigo, onde viviu os mellores momentos da súa carreira, dixo.

No momento da súa chegada, tiña unha proposta do Atlético, que estaba en Segunda. «Con 20 anos non sabes nin o que é o euro, que nesa época non existía -chanceou- nin a peseta. Quería ir ao equipo que máis me puidese achegar e ese era o Celta », repasou. Considera que era «o lóxico» porque ademais de estar na elite, supuña disputar UEFA. «Falamos dun Celta grandioso, que estaba cos grandes ao pé do canón», indicou.

No momento en que se foi ao Celta , «por idade estaba como unha moto», comenta. De feito, é da opinión de que «debería ter xogado moito máis». Relata que a adaptación foi sinxela porque «ía con moita fame de gloria e de fútbol», e asegura que o pasou «moi ben». Revelou tamén que a miúdo lle di a Gustavo López que non entende como o celtismo quere máis ao arxentino: «Quéroo con tolemia, pero dígolle: ‘Como che poden querer máis a ti se marquei máis goles en menos partidos?». Tamén se comparou con Mostovoi: «Marcou 70 goles e eu 40 ou 35 xogando catro anos menos que el e moitos menos minutos».

Preguntado polo gol de San Siro, non cre que sexa o mellor: «Marquei golitos moi graciosos por todos lados», comentou, lembrando noutro momento da charla uno a Reina que lles daba o pase á final de Copa. E incidiu no ben que o pasou nesa época: «Neses catro anos gocei moitísimo», lembrando que na última desas campañas estivo lesionado e tivo pouca participación. «Gocei todas as veces que xoguei en Balaídos, ía como unha moto», repetiu.

Óscar Vázquez

Confesa Jesuli que os momentos que máis gravados quedaron foron os máis duros. No caso do Celta , rememorou dous. «Recordo con añoranza cando nos eliminou o Celtic de Glasgow por un gol, porque aquel equipo podería ter chegado a semifinais. E tamén cando no Camp Nou, por unha entrada de Alfonso ao final do partido, quedei sen xogar a final da Cartuxa fronte ao Zaragoza», indicou sobre a final de Copa do 2001.

Mora lembra ter visto a Aspas sendo canteirán cando el xogaba co seu irmán Jonathan co que dixo que leva dez anos aínda que en realidade son cinco. «Eu vin a Iago Aspas en infantís ou alevíns. Do moañés mencionou que non funcionou no Liverpool nin no Sevilla. «Na vida hai cirunstancias, equipos, adestradores que che poñen ou non, nin es máis malo nin máis bo. Hai sorte e circunstancias», debullou.

O excéltico revelou tamén ter tido problemas con Víctor Fernández -«estiven a piques de irme ao Sevilla no 2001 cando levaba seis meses, díxenlle no seu despacho da Madroa que me ía porque quería xogar»- e mencionou a Djorovic, Berizzo e Cáceres entre os mellores centrais cos que compartiu vestiario. Dos compañeiros do Celta , mantén contacto con Gustavo López, Edú, Giovanella, José Ignacio ou Pablo Coira, entre outros.

Con total naturalidade e entre risos, comentou que considera que os adestradores son «a gran mentira do fútbo»l. «Moitos non xogaron nin en Preferente e non che van a dicir a ti como golpear o balón ou marcar un gol pola escuadra». Tamén sinalou que no Mundial do 2002 Camacho decantouse por Joaquín a pesar de que os seus números eran moito mellores.