As entradas para o Celta -Real Madrid, visto e non visto

A voz VIGO

BANCADA DE RÍO

Xoan Carlos Gil

O club anuncia que xa se despacharon todos os billetes dispoñibles para este partido

13 ago 2019 . Actualizado ás 10:59 h.

O Celta anunciou esta mañá que non quedan entradas para o debut ligueiro fronte ao Real Madrid o vindeiro sábado. Os billetes comezaran a adquirirse a través de Internet a semana pasada e onte, primeiro día para comprar as dispoñibles mediante venda presencial, formáronse grandes colas desde a madrugada.

O club destaca que o encontro que se celebrará en Balaídos "xerou unha gran expectación e os despachos de billetes xa colgaron o cartel de non ‘hai billetes' para todas as bancadas". Lembran que se trata dun compromiso moi esixente que "requirirá unha vez máis do incansable alento da afección celeste, clave no rexurdir do equipo no tramo final da pasada tempada e que será de novo esencial no comezo desta ilusionante campaña".

Os prezos para presenciar o partido oscilaban entre os 70 e 110 euros en categoría adulto e 50 e 80 euros en categoría sub-25, dez euros máis caras que na visita do club branco ao municipal vigués da tempada pasada. Os socios que non renovasen o seu carné antes do pasado 19 de xullo debían adquirir entrada para non perderse este encontro.