Pione Sisto asegura que rexeitou «outra oferta millonaria»

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

MARTINA MISER

O céltico incide en que o fútbol é para el máis que correr perseguindo diñeiro

09 ago 2019 . Actualizado á 21:50 h.

O céltico Pione Sisto comentou a través das redes sociais, en concreto a través dunha historia de Instagram publicada ao redor das 21.45 horas deste venres, que rexeitou unha importante proposta económica para abandonar o Celta neste mercado. O xogador comeza un texto escrito sobre unha imaxe súa con fondo escuro dicindo: «Isto (o fútbol) para min é máis profundo que correr perseguindo diñeiro».

A continuación chega a confirmación pola súa banda de que podía saír do Celta no actual mercado e decidiu non facelo: «Si, dixen non a outra oferta millonaria», deixando entrever que non é a primeira vez que a súa resposta é negativa ante unha proposta lambona no plano económico, que insiste en que non xoga un papel prioritario para el. «Creo que represento algo máis», engade.

Ademais, menciona unha nova conta de Instagram creada hai uns días, a terceira do xogador. Tras o seu perfil máis antigo, no que compartiu ao historia, creara outro alternativo para compartir os seus coñecementos sobre asuntos alleos ao fútbol, segundo as súas propias palabras. A través del confesou no seu día que tratara de estar 21 días alimentándose só con froita e que estivera a piques de volverse tolo.

Pione Sisto concedeu hai unhas semanas unha entrevista a La Voz na que non revelaba a súa idea de futuro e indicaba que o importante era ser feliz independentemente de onde. O atacante danés facía fincapé en que se considera unha persoa normal e a súa obsesión é que o resto da xente se dea conta de que é exactamente igual que eles.