O «gol» de Aspas ao actor deportivista Marcos Pereiro

A voz VIGO

BANCADA DE RÍO

M.MORALEJO

O céltico e o cómico, recoñecido afeccionado do Deportivo, mantiveron un distentido diálogo en Twitter

25 may 2019 . Actualizado á 18:42 h.

A liga publicaba onte un chío cunha estatua ficticia dedicada a Iago Aspas en homenaxe virtual á gran tempada do moañés. A propósito desa publicación, o Celta preguntaba aos seus seguidores a través de Twitter onde colocarían esa estatua e a resposta do cómico desportivista Marcos Pereiro deu pé a un distendido diálogo entre el e o dianteiro do Celta.

«Home na sala de trofeos digo eu que algo de sitio teredes», escribía Pereiro onte engadindo unha chiscadela. Esta tarde chegaba a resposta de Aspas: «Se, na SEGUNDA planta», contestaba coa mesma retranca que o seu interlocutor. Ante esta resposta, Pereiro rendíase ao céltico: «Foder, acabo de pillalo, touché. Goleador non campo e goleador en twitter», resolvía o que no seu día foi un infiltrado na pena celtista da Illa. 

Aspas caracterizouse ao longo dos anos pola súa espontaneidade e naturalidade en Twitter. Entre os exemplos máis recentes, cando replicou a un medio de comunicación que dicía «Aspas súmase á moda Vinicius» en referencia ás súas bicicletas. E o moañés respondía: «Cando eu empecei a facer bicicletas no Celta Vinicius era alevín».

Tampouco se cortou en máis dunha ocasión á hora de criticar as arbitraxes e, máis atrás no tempo, avanzando fichaxes do equipo. Nos últimos tempos, a súa rede preferida é Instagram, onde tamén deixa mostras da súa naturalidade e sentido do humor con frecuencia en comentarios a publicacións dos seus compañeiros.