Con propósito de emenda

BANCADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

Mohamed fala de xogar máis en curto e de recuperar a confianza perdida

19 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Antonio Mohamed regresou a Vigo con propósito de emenda. Recoñecendo que a baixa de Maxi Gómez invita a matizar a idea de xogo con máis xogadores de bo pé sobre o campo e ao redor de Iago Aspas, ademais de decantarse por unha defensa de catro unidades e asumindo que o único xeito de cambiar o desgusto da afección é cun triunfo ante un rival que chega a Vigo na crista da clasificación.

«Pode ser que xogue Iago de nove con volantes máis ofensivos, e aínda que a idea non vai cambiar, ao non ter un referente xoguemos moito máis curto», comentou o adestrador sobre o plan de partido para esta noite, que chega demasiado rápido para un equipo que apenas puido realizar un adestramento, e matizado, con todos os dispoñibles, xa que moitos deles chegaron coas horas contadas dos seus compromisos internacionais.

No entanto, o virus FIFA condiciona. Por exemplo, que xogadores como Okay Yokuslu poidan saír de cara ao 100 % «porque regresou cunha pequena molestia». O turco podía ser importante para dotar de poderío aéreo a un equipo que queda sen Araujo e Maxi. «Perdemos moitos centímetros pero teremos que marcar máis preto, limitar as faltas innecesarias preto da área, aínda que sabemos que nalgún momento haberá pelota parada pero o equipo estao facendo ben nese sentido».

Mohamed acumula cinco partidos sen gañar e o seu crédito baixou dun modo considerable, pero o arxentino regresou a Vigo «con moita enerxía», aínda que asumindo a esixencia: «Mañá [por hoxe] é o día. Temos que xogar ben e gañar. Hai que recuperar a confianza e devolverlle á afección cun triunfo todo o que non puidemos darlle en partidos anteriores». O preparador quixo eloxiar o traballo desenvolvido polos seus futbolistas e as súas ganas. «O equipo quere que chegue o día para volver ao triunfo. O grupo débese un triunfo e o venres é o día».

Do rival, e tomando como precedente a vitoria sobre o Real Madrid, o preparador céltico di que «está nun gran momento, tivo un par de partidos sobre o final. É un rival duro, que tivo encontros bos e malos pero que foi regular e que ten a confianza de estar arriba. Será un gran parámetro para nós. Que mellor para nós que enfrontarnos a un rival que vén moi ben para recuperar a confianza e o terreo perdido», admitindo que necesitan gañar pero ademais xogar ben «para que a xente volva crer en nós e borrar o grao de desconfianza do último partido».

Maxi Gómez someteuse a unha resonancia e pasouse polo adestramento

Maxi Gómez someteuse onte á resonancia magnética que debe ditaminar o alcance da súa lesión, pero non será ata a mañá de hoxe cando se coñezan os resultados segundo informou o conxunto vigués. O charrúa, que sofre unha escordadura no ligamento lateral interno do xeonllo esquerdo pasouse despois da proba polo adestramento para estar co corpo técnico e os seus compañeiros.

O dianteiro lesionouse o pasado martes coa súa selección e regresou a Vigo na noite do mércores, aínda que ata onte non tivo contacto co resto do equipo. A súa baixa altera os plans do adestrador xa que se trata dunha peza fundamental para o adestrador.

Maxi non se perde ningún partido co Celta desde o pasado mes de abril, canto tivo que descansar ante o Sevilla por cartóns. O curso pasado pechouno con 36 participacións no seu primeiro ano en Europa. Repetilo agora dependerá do tempo que teña que estar parado por mor da escordadura.

No parte médico tamén continúa Mathias Jensen cunha rotura fibrilar do semimembranoso da coxa esquerda e Robert Mazan cun proceso gripal.